25 abril 2006

O problema trazado na cantina do Barullo de Coro.


A cantina do Barullo en Coro estaba chea, ateigada, de tas en bas, chegara xente de todas as aldeas da rodeada. De Embernallúas, Asar, Meda e Rao, de Faquis, de Becerral, de Aigas, Vilar de Moia e Ventosa tamén, os de Muñis, Tabillón, A Cernada; Castañedo, Pin e Navia non ían ser menos.... Corrérase a voz de que estaría alí Xosé Díaz o mestre herdeiro dos vellos mestres de tego republicanos, e a súa sona era abonda en toda a contorna.

Lucía Norvega era unha desluada serea, con ollos de acibeche que viñera polo mar dende a Ría de Vigo e subira polas augas do Navia arriba sen encoros, até o río de Rao, por mor de ver os pastores dos Ancares, pois a súa tía Sabela Fervenzas dixéralle que eran xentes de palabra, laicos e moi enxebres coa súa fala e a súa terra. Ao pasar pola Veiga do Muiño en Prebello, debaixo do Chavasqueiro de Dentabrún viu o bidueiro vivo, que deitado a mantenta dende novo, por riba do río, servía de ponte pra facer o seu cruzamento. Era unha mostra do enxeño popular daquelas xentes.
Entrou mainiño no Barullo e os pastores quitáronse as puchas. Era Galiza, a beleza escintilante das sereas coa fortaleza do espírito ceibe dos pastores.

Xan de Xanón, Rudesinda Outeiro e Ibrahim Mohamed cearan filloas feitas na filloeira, con viño turbio de Vilar de Neves e cada un pagou 10 euros ou sexa 30 no total. Mais fan saber que aquilo era caro. Xacobe, xeneroso e nada cotroso decátase diso e dille a María Jesús que lles torne 5 euros. Devólvelles esta, un euro a cada un e xa que a división non era moi doada de facer, bota os outros dous na boeta das festas de Santa Mariña; polo que cada un, pagou 9 euros. Entón xorde o problema, 
se pagaron 9x3=27 euros, máis 2 na boeta 29, onde demo está o outro euro?.

Na noite toldada sen poalla, fíxose o silencio, e nese intre, todos fitaron para el, e
o mestre Xosé Díaz falou e non calou: aquí hai un problema, e todo problema caracterizado coa propiedade de resolubilidade ten solución. A proba é simple, se
o problema resoluble carecese de solución, entón non existiría solución para o problema, co que se soluciona o problema da solución do problema resoluble, resolvendo que un problema resoluble sen solución é insoluble, polo tanto tense
de atopar solución ao problema resoluble trazado e aos outros TAMÉN.

Nótula: Publicado tamén no nº 1.226 d´A NOSA TERRA de 8 ao 14 de xuño do 2.006. O dito é verdadeiro de Xosé Díaz.

1 comentario:

Val do Rao dijo...

Moi bon este problema-conto,sin enumerar os outros que tamén son merecedores dos meus parabens. E grazas pola xenerosidade da que fais portador.
Xacobo.