24 febrero 2006

O PARADOXO DE SIMPSON NA GALIZA



Dende Rao seguindo o curso do río, despois de Meda e Asar, atópase unha viña co seu lagar na chaira de Vilar de Neves.

Xosé Antoño de Balonga o fillo mairazo da Ádega, baixara a feira do 29 na Proba de Navia. Atrás quedaran a regueira do Mouro, Os Bragais, a Granda de Prebello, a regueira de Marciado, Muruás, Extramadoiro, Embernallúas e Rio de Pé. Tiña que vender o viño, para poder mercar o sal e o azucre e sobre todo, o bolo de pan branco, polo que devecían as súas crianzas, se quería ver o afán nos seus ollos, no canto da Arqueira, onde irían para velo tornar aló polo lusco fusco.

Das 5 botellas de viño turbio que levara, 4 eran de boas cepas e unha era de videira mala. Das 8 botellas de viño tinto que trouxera, 6 eran boas e dúas riñas.
Na Proba, sabíano todo e calculaban que era mellor mercarlle o viño turbio, pois a probabilidade de que tocase unha botella boa era de 0,80 (=4:5) máis alta, ca na de viño tinto que baixaba a 0,75 (=6:8).

Pacita Lameiro Vilarmondín era unha rapariga xeitosiña,que viñera de Faquis,casar co home que lle fixera as beiras, cando ía mercar galochas ao seu padriño. Non lle gustaba a leria podre, nin se metía en debulladas que lle moían a moucha con dixomedíxomes. Era día de garabullos e lixeira coma unha centella, liscou o riscar o día, polo quello da Calviña abaixo, a lume de carozo, e xa descantiá que estaba na Proba coas súas botellas, sen esnogar, nin dexovarse ren. Manaias a ela!.

Coas présas levara 14 botellas de viño turbio das que 5 eran boas e as outras riñas, polo que a porcentaxe de que che tocara unha boa era de 0,35 (=5:14), mellor tamén ca no viño tinto do que baixara 4 botellas e namais unha era boa, e que era de 0,25 (=1:4).

No solpor do día e co barullo da feira, deciden tornar cedo a Prebello, pra ver a súa fornada de cativos e sen máis trécolas nin requilorios, xuntan as existencias, e ben deitaron do tendeiro Sochaos da Ponte, pra que seguira coa venda delas.

Calquera persoa que non estivera peneque, por andar de gandaina ou vir dunha polavila, sabe que era mellor mercar viño turbio, pois aínda que xuntaran as botellas non mudaba ren, pois non venderan ningunha, e tiña a mellor porcentaxe con ambos os dous.

Xan de Xanón que a todo di que NON, díxoo tamén eiquí: facede as contas, ondia!
Risos e sorrisos, mais, pra darlles na moucha aos teimosos do NON, imos facelas!.
No viño turbio son 5+14=19 botellas no total, e 4+5=9 boas, polo tanto a porcentaxe de boas é 0,47 (=9:19). E no viño tinto son 8+4= 12 botellas entre ambos os dous e 6+1=7 boas, polo que a súa proporción é 0.58 (=7:12).

Nunca tal se vira, en toda a contorna, despois de xuntar as botellas, de súpeto era mellor mercar viño tinto, cunha porcentaxe de 0,58 por enriba do 0,47 do turbio. É o paradoxo de Simpson e non son quen de explicárvolo.

Pois o mesmo está a acontecer na Galiza, cando falas cos homes, son galegos. Cando falas coas mulleres, son galegas. Cando mesturan xuntos os seus votos nas urnas saen maiorías Centralistas. É o paradoxo de Galiza e non son quen de entendelo.

Prebello, antonte do entroido do 2006.

Nótula: Publicado tamén no nº 1.217 d´A Nosa Terra do 30 de marzo do 2006.

http://www.enfermeriaencardiologia.com/congreso/contador.htm
568 palabras.

14 febrero 2006

O efecto Pigmalión na Galiza. Eis Prebello


Aconteceu na aldea celta de Prebello, nos Ancares.
 Chegaron os norteamericanos (sabicheiros eles) co gallo de examinar a intelixencia dos nenos da escola. Fixéronlles moitos tests e ao remate, sen corrixilos, dixéronlles aos mestres que nas probas feitas:
Xan de Xanón, Rudesinda Outeiro e mailo Ibrahim Mohamed foran os mellores.
 
Os mestres mudaron o seu comportamento cos tres, coma se en efecto, fora certo, e ao final do curso, Xan de Xanón, Rudesinda Outeiro e mailo Ibrahim Mohamed foron os mellores.

Velai, o mesmo efecto, que está a acontecer, agora na Galiza:
Aumenta a natalidade (iso xa estaba feito dirán algúns, si, porén, a xente xa sabía o que ía pasar).
Houbo a mellor colleita de albariños, godellos e ribeiros.
O Celta atuou ao Madrid alí.
O centralismo uniformizador cheira a facotexo.
Bicáronse o sol e a lúa. E moitos máis.
Fanse as beiras, na montaña e na ribeira.
Habemos fadas e xorden estrelas que escintilan cando se pon a lúa.
Chove a gusto de case todos.
Non se mesturan as fabas coas castañas.
Fálase galego a esgalla, o galego a primeira liña gaña.
Temos a lingua espodada e tiramos pola lingua.
E así cadaquén, o mellor de seu, bota fóra.
Hai un País! Hai Futuro!

Nótula: Publicado tamén n´A Nosa Terra nº 1.212 do 23 de febreiro do 2006


Adiós rios, adiós fontes. Amancio Prada

13 febrero 2006

EXAME DE GALEGO


                                           Banda deseñada de Xaquín Marín
 
Milladoiro. Iacobus Magnus


A Fundación "Tía Rudesinda" fiel no seu cometido e puntual nas súas obrigas, efectúa o exame da conciencia do galego. Apaguen os malditos telefones! e garden silencio!. Alén diso, se os vexo copiar e non lembran o plaxiado, terano de copiar dez veces máis.
PREGUNTAS:
1. Se na China, se fala o chinés, na Galiza o: a) galego. b)spanglish. c)para o que hai que dicir. d) iso non se explicou nas aulas, e) ese dia latei a aula ou fixen a godalla.
2. Nos foros da Galiza, nos xornais, na radio, nas teles, etc. cada quen escribe na lingua que lle peta. Porén, consideras que deberíalle petar escribir: a) máis galego ca castelán. b) menos castelán ca galego. c) galego a esgalla. d)o que diga o meu compañeiro.
3.Nunha xuntanza de traballo, de Concelleiros e Conselleiros en cirolas, como farías a distinción: a) os Conselleiros son menos. b) as cirolas dos Concelleiros son de rebaixas. c) se a metade foran tamén Concelleiras, era máis doado xebralos. d)non sei, son todos tan lanzales!.
4.Muiñeira, muiñeira/muiñeira ribeirana/vale máis un da ribeira/ ca vinteseis da montaña. Cantas carballesas cómpre bailar para manter a equivalencia cunha muiñeira. (Resultado con dous decimais, pódese usar calculadora e máis o comodín da chamada a Carlos Sobera).
5.O pretérito perfecto do verbo ser, é: fun, fuches, foi, fomos, fostes, foron. Cal é o pretérito perfecto do verbo ir?
6. Na seguinte lista hai UN Castelanismo, atópao e rexéitao: padioleiro, colidir, contiñeiro, guiador, sona, chafariz, telenoxo, telelixo, parolador dun faladoiro, comecartos, portelo único, PASACALLES.
7.Os nosos xiros: 1.Outra vaca no millo. 2.Facer as beiras. 3.Manda carallo!Manda truco! 4.Toca-lo zoco. 5.Dar a roncha. 6.Nin arre nin xo. Lígaos coa letra que lle corresponda: a)Marcharse. b) Gabar a alguén. c)Dar a lata. d)Nin fai nin desfai.
e)O que nos faltaba. f)Vaites.vaites!.
8.Ordena as seguintes palabras, segundo vaias empregalas nos vindeiros 31 días: Lideiras, señardade, aluguer, perrencha, pinguela, antuca, bisbarra, requintado, xalundes, acenar, fitar, ficar, teimar, aquelar, cabicha, quenda, enveleco, estreloxo, manguelo, delouzar, dexovar, losqueada, mantelo, cotroso, taragoxo, vougo, guedellas, baldrogas, recachar, esnogar, aturuxo, (a metade son dos Ancares, O Courel, Chandrexa de Queixa a piques de se esquecer, que mágoa!, manaias aos nosos devanceiros!).
9.A lingua galega pasou pola esplendorosa época trobadoresca (1200-1350) coas espléndidas cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicer, así como as cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio e outros textos en prosa, chegando ao máximo nivel de perfección, sendo a lingua lírica de todos os reinos cristiáns (agás Cataluña), dan fe diso trobadores como o aragonés Martín Moxa ou Afonso X (1252-1284). A este feito contribuíu o grande poder político que aínda tiña Galiza, pois tiña a mesma identidade política con Portugal.
Malia a ser hoxe, esta lírica, xoia da cultura universal e "Patrimonio da Humanidade", non se lle chamou polo seu nome "Lírica galega" Por que?
10.A lingua galega ten máis de 200.000 voces e 350.000 acepcións, son abondas pra falarmos ou parécenche poucas?.
Se les, escoitas e mercas en galego, semanarios, xornais, libros, Dicionarios, Enciclopedias (Ir Indo, Silverio Cañada), discos, filmes etc. cal destas vantaxes terás: a) Pensarmos en galego. b) útiles pra toda a vida, c) serven pra toda a familia. d) mellorarmos o galego sen decatarnos. e) axudas a Galiza. f) libéraste da FLAXELACIÓN diaria dos medios de comunicación centralistas, e das súas sucursais. g) TODAS xuntas polo mesmo prezo.

11. Optativa, (soamente para mellorar nota). A túa familia é a mellor, as túas amigas e amigos son os mellores, o teu foro é o mellor, a túa lingua non é a mellor, por qué???

Dispoñen dunha tempada pra facer o exame. As notas superiores a 5 sairán publicadas no Diario Oficial de Galiza. Deixen ceibe a súa alma hexemónica galega, e non esquezan ser felices tamén.

Boandanza.
Rudesinda.