14 febrero 2008

Só cho direi unha vez: Nos Ancares arremánganse a prol do galego


                                            Faquis con unha palloza e Rao

Só cho direi unha vez: Nos Ancares arremánganse a prol do galego.

Os paisanos e paisanas (que derivan de Pais) dos Ancares, sempre falaran un galego que lle zumba, de moito sandiós, primoroso, requintado, pois tiñan lingua de seu, e empregabana decote. O mesmo acontecera no Courel ou na Manzaneda.

A aterraxe nos anos 70 de todos os medios de comunicación (xornais, radio e TV) e máis todo o ensino en castelán, foi unha desfeita para nós. A fase final dun proceso de colonización interior. Tanto castelán serviunos tamén para ter de emigrar nun 90 % da poboación, coa conseguinte perda de valor das Facendas propias. Foi unha creba económica . O Concello de Navia minguou de 9.000 persoas a unhas 1.500 agora. A perda de identidade do Pais foi tamén inherente.
Só cho direi unha vez (+): Iso non é integrismo uniformizador. Ca!, Non ho!. Malpocados!

Hoxe as xentes dos Ancares entenden ben, que lingua e economía van xuntas e xunguidas, e como bárdegas que son, arremánganse a prol do galego. Na angueira de recuperar a súa fala derramada, non terán galbana nin nugalla, e remangadas queren todas as linguas, mais, a nosa a primeira, sen máis trécolas nin requilorios. De pequenos xa a queriamos e o noso corazón non se compra por cartos.

1) Nós temos: Almorzo, PARVA, Xantar, Merenda e Cea.
2) Aterrar-aterraxe. Amarar-amaraxe. Aluar-aluaxe. (pousar na terra,mar,lúa).
3) Algures, Ningures, Xalundes (algún, ningún, outro, sitio).
4) Calquera e quenquera sempre, no masculino e no feminino (nin calquer nin calqueira).
5) Ninguén, Alguén ( naide: non).
6) Onda (proximidade). Onde (lugar).
7) Quen, é singular e plural. Quen son esas rapazas?.
8) Agás, bardante, tirante indican excepto.
9) Hei andar é preferíbel a andarei.
10) O verbo IR+infinitivo non leva a preposición a. Vai tocar Milladoiro. Vai chover. Vou falar.
11) O tempo no sentido atmosférico é co verbo ir, VAI frío, vai calor, vai vento (non é fai frío).
12) O tempo no sentido cronolóxico é co verbo haber. Xa HAI once séculos que se fala galego. HAI dous días que o vin.(non é fai dous días que o vin).
13) Os adxectivos posesivos esixen artigo determinado antes. O meu escavón. A nosa lingua. A súa aixada.
14) Como, vén a ser `de maneira que´, ´do modo que´,´sendo´, ´posto que´. Fai como caviles.// Coma, expresa igualdade entre dous elementos. Son tan vermello coma ti. A roxa vale tanto coma a loura.
15) Galego: Longo (castelán:largo). Galego: Largo (castelán: ancho).
16) Non son verbos reflexivos no galego: casar, descasar, calzar, almorzar, adormecer, baixar, enfermar, afogar, comer, esnogar, xogar, inchar, aforrar, cansar. A María da Cope casou co Pepe do Opus. Caeu no río Navia e non afogou. Calzade axiña que levo présa.
17) Nós, non temos o “j”(iota) no noso alfabeto, nada mais o baile da xota. Somos galegos ha ha ha he he he hi hi hi.

Só cho direi unha vez (máis): Non vas falar galego despois de morto, se non o falaches de vivo.