25 agosto 2008

Os bos modais







School. Roger Hodgson  (Supertramp)

Ai ho!, Isto non se fai. Ca!

1. Dicir “fino” ou “distinguido”`para definir a alguén. Enténdese axiña, que quen fala non o é.
2. Cando atopas algún coñecido que hai tempo que non ves, non saques a romana para dicirlle se pesa 2 kilos máis ou se son 3 kilos.Non é necesaria tanta precisión. Fala doutra cousa e se cómpre critica ao Goberno, por non amañar o tempo.
3. Estar sentado cos brazos na caluga. A axila é un lugar íntimo.
4. Pechar a porta nada máis que os convidados cruzan a ombreira. Hai que agardar que entren no ascensor ou baixen polas escaleiras.
5. Empregar decote as palabras ou frases de moda, como: alucino, a nivel de, que guai, como mola, pois vai ser que non, poñerse as pilas, XENIAL. É de xente sen personalidade.
6. Ter os excarvadentes na boca é de pailarocos, xogar con eles na mesa é de desacougados.
7. Pasar continuamente a man polo cabelo. Denota inseguridade. Tampouco pases o peite coma John Travolta e os rapaces de Brillantina (Grease).
8. A persoa convidada a unha cea que quere prolongar a velada, debe lembrar que o sono é necesario para moitos e non esperar que os bocexos adormezan aos anfitrións.
9. Non hai que telefonar a hora das comidas, nin dar a roncha até que o interlocutor rosme que prefire que o condenen a remar en galeras.
10. Cando se chama por telefone, comézase dicindo o nome e non preguntando, quen é ai?.
11. Os homes non deben usar endexamais, carpíns moi cortos, engurrados ou desfiados. Tampouco vermellos ou amarelos. É o segundo que ten de se quitar nos amores, pois senón farán un efecto cómico.
12. Os camareiros non se chaman petando co vaso ou co garfo, senón falando, pois entenden o galego.
13. O dedo pequeniño non se separa dos outros formando un arabesco, cando se sostén un vaso ou unha cunca de ribeiro na man.
14. Cando saudemos alguén, apértaselle a man con seca naturalidade, sen que se tenda unha man desmaiada, nin tampouco esmagarlle a man a outra persoa até que berre.
15. Non botes esputos, nin esgarros, nin galapos, nin gargallos, nin cuspidelas, nin escupideiras coma fan os futboleiros nos derradeiros tempos. Que noxo!. Tampouco lle cuspas a xente, nin lle metas o dedo nun ollo, pois non lle gusta a ninguén.
16. Garda quenda cando é mester: nos bazares, nas tendas, nos comercios, nos ultramarinos, nos restaurantes, nas cantinas, nos bares, nas tabernas, nas rúas, nas ruelas, nos rueiros ou quinteiros, nas estradas, nos cines, no autobús, na Administración, e tamén no teu pasamento.
17. Se non se sabe gañar, tense de saber perder. Se non consigues gañar nin ao parchis, nin ao ludo, nada hai máis fermoso que saber perder con elegancia.

Boandanza.