26 febrero 2011

Adorada Liz (II)

                                                            Adorada Liz:


Isto non pode seguir así. Devece a miña adoración por ti. Estou esfarelado.

Na túa derradeira película “Remando ao vento mareiro”, fuches bicada, acariñada e apertada en demasía por aquel galán, lambido, inmoral, comicucho de segunda, que aínda será do Goberno tamén.

Non tiñas por que abrir dese xeito os labios, nin desatar o cabelo polos ombros, nin tolerar a súas procacidades, aínda que admito que os teus “deshabillés” e transparencias, son realmente espléndidos.

Xa sei que as actrices seguen as suxestións de calquer perverso director, coas andrómenas das esixencias do guión, mais sempre hai que preservar un chisco de liberdade individual, e non o fixeches. Por iso, en diante ti seguirás o teu camiño e eu o meu, aínda que como canta Alfredo Zitarrosa, os camiños serven para o que ven e para o que vai.

Antes ti bicabas como todas as boas actrices, como se bica un boneco. As túas escenas de amor non me desacougaban, porque sempre conservabas unha traza de dignidade e percibía en ti, un íntimo rexeitamento. Mais, neste filme, estás namorada dese malvado comediante, non si?.

Isto non pode seguir así. Ten de seguir doutro xeito.

Balonga! Copiaches “ad litteram” a Elena Poniatowska, afirmou Cristina coa súa irada mirada azulada.

Gústame máis como o conta ela, retruquei cachazudo.

Madia leva!