02 julio 2014

CASTELANISMOS DE FORMACIÓN INCORRECTA





Nuevo Mester de Juglaría. Jota del "que si que"








































CASTELANISMOS DE FORMACIÓN INCORRECTA 

As entradas van en negra ordenadas alfabeticamente. O asterisco indica que se trata dunha forma ou construción incorrecta. As solucións correctas e os exemplos recollidos do xornal van en cursiva.

acné: Substitúase polo substantivo feminino acne: O *acné / a acne supón un grave problema para os mozos de hoxe en día
acreedor: Empréguese acredor: Os *acreedores / acredores querían que se lles satisfixese a débeda no intre.

acribillar: Dígase cribar, coser a tiros, matar: *Acribillaron / coseron a tiros dous deputados cando saían de tomar unhas copas.

agotar: Substitúase por esgotar: Os xogadores quedaron totalmente *agotados / esgotados tralo encontro; as entradas *agotáronse / esgotáronse no primeiro día de poñelas á venda.

alto ó fogo: Dígase alto o fogo ou tregua: O IRA anunciou *un alto ó fogo / un alto o fogo / unha tregua.

amarillismo: Substitúase por amarelismo: O *amarillismo / amarelismo é o que está caracterizando o xornalismo dos nosos días.

aplastar: Empréguese arrasar, asoballar, vencer, atropelar, levar por diante, esmagar: Futre é un dianteiro que cando está ben pode *aplastar / acabar con calquera defensa.

amerizar: Úsese amarar: O hidroavión non tivo máis remedio que *amerizar / amarar antes da hora prevista porque quedou sen combustible.

anexionamento: Forma incorrecta. Dígase anexión: O *anexionamento / a anexión dos países árabes deu lugar a fortes discusións.

atañer: Substitúase por atinxir, atinguir, afectar, concernir ou incumbir: Os rusos consideran que se trata dunha inxerencia política porque son problemas que non *atañen / atinxen á Unión Europea.

aterraxe de emerxencia: Dígase aterraxe forzosa: A *aterraxe de emerxencia / aterraxe forzosa provocou a morte do piloto e do seu acompañante.

avanzadilla: Substitúase por a vangarda, a cabeza ou os que van diante: A *avanzadilla / os que ían na cabeza da expedición encontraron un grupo de bandidos que violaron dúas estudiantes americanas.

avecindar: Úsese aveciñarse; aproximarse, achegarse: Non estamos de acordo con vernos cada vez máis *avecindados / aveciñados / aproximados ó lugar do encoro.

azulgrán: Empréguese azulgrá: O equipo *azulgrán / azulgrá perdeu onte por 2 a 0.

blanquiazul: Empréguese branquiazul: Os *blanquiazuis / branquiazuis recibiron unha forte reprimenda por parte do adestrador.

boleto: Dígase billete: Os *boletos / billetes con pleno ó quince cobrarán quince millóns de pesetas cada un.

buzoneo: Empréguese correspondencia: Con isto do *buzoneo electrónico / correspondencia electrónica aparecen novos problemas relacionados cos datos persoais.

camilleiro: Úsese padioleiro: Os *camilleiros / padioleiros entraron na praza e levaron o toureiro totalmente inconsciente.

canteiría: Substitúase por cantería: Actualmente estanse recuperando as casas de *canteiría / cantería, a Deus gracias.

cardealicio: Substitúase por cardinalicio: Hoxe en día os pecados *cardealicios / cardinalicios aínda se agochan.

casilleiro: No ámbito deportivo e referido ó cadro onde se recollen as puntuacións débese substituír por marcador, cuadrícula, compartimento: O *casilleiro / marcador permaneceu avariado durante o partido.

coaligar: Substitúase por coligar, asociar, unir: As distintas faccións *coaligáronse / coligáronse para conseguiren a paz.

cobrarse: Aparece na expresión *cobrarse x vidas calcada do español, onde este verbo é pronominal. Deben empregarse modismos ou expresións alternativas tales como provocar x mortes; acabar coa vida de x persoas, sega-la vida de x persoas: O accidente de tráfico *cobrouse cinco vidas / provocou cinco mortos.

cofeito: Empréguese suborno: Os acusados foron acusados de *cofeito / suborno e de estafa.

colisionar: Substitúase colidir: A furgoneta, tras colidir cun camión cisterna, saíu da estrada e envorcou na gabia.

compló: Escríbase complot: O director do xornal acusou os seus colaboradores de *compló / complot

confrontación: O substantivo confrontación equivale a cotexo, comparación pero non é sinónimo de enfrontamento: A *confrontación / o enfrontamento entre Iraq e Estados Unidos continúa.

conlevar: Empréguese levar consigo, implicar, carrexar, supoñer: Esta situación *conleva / implica unha grave crise económica.

corresponsal: Úsese correspondente: O noso *corresponsal / correspondente en Vigo informounos amplamente sobre o tema.

corretear: Castelanismo. Empréguese corricar, correr: Pese á guerra os meniños *corretean / corren tranquilamente.

correveidile: Castelanismo que se debe substituír por leva e trae, contiñeiro, alcaoiote, rexoubeiro, mensaxeiro, argalleiro, barulleiro: O ministro non foi máis ca un *correveidile / leva e trae de quen todos sabemos.

corta: Empréguese curtametraxe: Hoxe pola tarde estrean a *corta / curtamentraxe.

corbeta: Escríbase corveta: Na zona hai dúas *corbetas / corvetas esperando novas ordes.

chófer: Empréguese chofer: Co atentado o chófer / chofer morreu no intre.

debacle: Úsese desastre, desfeita, cataclismo, ruína, caída: A *debacle / o desastre estaba anunciada.

desmán: Forma válida cando equivale a contramán. Forma incorrecta cando substitúe a desmando, abuso: O *desmán / desmando do pai deixou graves secuelas no rapaz.

desnudismo: Empréguese nudismo: O home dicía que non lle gustaba o *desnudismo / nudismo.

doutorado: Mellor é empregar doutoramento: Os cursos de *doutorado / doutoramento comezan o mes que vén.

encadre: Úsese encadramento: Ó director pareceulle ben o *encadre / encadramento e quedou todo dito.

enemizade: Empréguese inimizade: As *enemizades / inimizades foron as que deron lugar a estes feitos.

ensoño: Castelanismo. Substitúase por fantasía, soño, ilusión: O *ensoño / a fantasía debe presidir estas festas.

entramado: Empréguese armazón, trama, tramado: O *entramado / a trama de intereses era evidente.

epatar: Úsese abraiar, pasmar, impactar: As imaxes finais do filme *epatan / abraian os espectadores.

escoria: Castelanismo que se debe subsbituír por escoira, escoura. A *escoria / escoira dominaba o ambiente.

esparcemento: Substitúase por esparexemento: Os peixes deben gozar destes días de *esparcemento / esparexemento.

estrellato: Empréguese fama: O *estrellato / a fama chegoulle demasiado rápido.

financieiro: Empréguese financeiro: Os recursos *financieiros / financeiros da empresa están minguando.

fisoterapeuta: Úsese fisioterapeuta: O *fisoterapeuta / fisioterapeuta non quixo facer ningunha declaración respecto da lesión do dianteiro.

fraticida: Empréguese fratricida. O cualificativo de *fraticida / fratricida foi o máis empregado.

graderío: Substitúase por bancadas: No *graderío / nas bancadas reinaba a tranquilidade.

inarámico: Substitúase por sen fíos: O teléfono *inarámico / sen fíos avariouse e non puido chama-la policía.

maitíns: Castelanismo. Substitúase por matíns, matinas: Era a hora dos *maitíns / matíns cando os ladróns entraron no convento.

manillar: Substitúase por guiador. O *manillar / guiador apareceu a vinte metros do accidente.

misóxeno: Substitúase por misóxino: O escritor declarouse *misóxeno / misóxino en máis de unha ocasión.

motero: Empréguese moteiro, motorista. O cadáver do *motero / moteiro chegou onte á súa vila natal.

palaciego: Substitúase por palaciano: Os mesteres *palaciegos / palacianos ocúpanlle moito tempo.

parrilleiro. Substitúase por grelleiro: Na festa gastronómica vinte *parrilleiros / grelleiros prestaron a súa axuda desinteresadamente.

pasacalles: Empréguese pasarrúas: Os *pasacalles / pasarrúas animaron os festexos.

páxara: No ámbito deportivo débese substituír por baixón: A *páxara / o baixón dos ciclistas que ían na cabeza notouse moito no resto do pelotón.

peatonal: Empréguese peonil: A vía central converteuse en *peatonal / peonil.

Plumilla: Forma incorrecta sempre, incluso cando equivale a escritor. Este *plumilla / escritor colaborou co noso xornal dende a súa creación.

pulpa: Empréguese polpa. A *pulpa / polpa desa froita posúe unha substancia medicamentosa.

radiactividade: Empréguese radioactividade: As altas doses de *radiactividade / radioactividade provocaron deformacións en certas especies.

rallar: Empréguese co significado de esmagar ou o sinónimos esmigallar: cómpre rela-lo queixo nesa receita.

reanudar: Substitúase por retomar, recomezar, reiniciar, no segundo tempo, na segunda parte: Os enviados da ONU *reanudaron / retomaron as conversas; Ó *reanudarse / reiniciarse o partido o árbitro expulsou a Raúl.

rechistar: Empréguese chistar: Tódolos votantes deben dicir amén sen *rechistar / chistar.

remprazar: Úsese substituír: Mentres o presidente vai en viaxe oficial a Chile *remprázao / substitúeo o vicepresidente.

renome: Empréguese fama, sona: O seu *renome / a súa fama era mundial.

repunte: Substitúase por reactivación, recuperación, repunta: O *repunte / a reactivación da economía fíxose patente na recolleita de beneficios.

respaldar: Empréguese apoiar, secundar: Francia non *respalda / apoia a postura de EEUU no conflicto con Iraq.

resquicio: Substitúase por ocasión, posibilidade, oportunidade; abertura, físgoa, oco, fenda: O dianteiro aproveitou o *resquicio / o oco que quedou neses dous minutos e marcou o gol do partido.

sabotear: Úsese sabotar: A banda intentou *sabotear / sabotar as negociacións pero non o conseguiu.

sabueso: Empréguese sabuxo, investigador, pesquisador, e, no caso de que se refira a un can dirase sabuxo: Os *sabuesos / sabuxos deben encontra-lo asasino antes da medianoite.

savia: Substitúase por zume, sangue, vida, enerxía, valor, seiba: A mocidade trouxo unha nova savia / enerxía á asociación.

saldar: Esta forma é correcta nas acepcións referidas a liquidar unha conta ou a acción consistente en vender moi baixa unha mercadoría. Coas outras acepcións empregarase concluír, acabar, rematar, ter como resultado. O accidente *saldouse con vinte feridos e sete mortos / o accidente tivo como resultado vinte feridos e sete mortos.

sinistrabilidade: Empréguese sinistralidade: O índice de *sinistrabilidade / sinistralidade rexistrado no mes pasado é alarmante.

sobrelevar: Úsese aturar, soportar: As mulleres maltratadas *sobrelevan / soportan todo en silencio.

sobrepasar: Empréguese superar, exceder: O xogador de baloncesto tivo que pagar unha multa por *sobrepasa-lo / excede-lo límite de velocidade establecido.

solventar: Substitúase por liquidar, pagar; resolver, solucionar: Cómpre *solventa-lo / soluciona-lo problema dos obxectores de conciencia antes de que vaia a máis.

sostenibilidade: Empréguese sostemento, sustento: A *sostenibilidade / o sostemento da familia depende totalmente desta muller.

surtidor: Úsese no seu lugar provedor, abastecedor; chafariz, chorro; bomba: Revisáronse tódolos *surtidores / provedores, bombas de gasolina por se existía fraude.

tala: Empréguese corta: A *tala / corta de árbores indiscriminada continúa nos bosques africanos.

tanteador: Empréguese marcador: O *tanteador / marcador electrónico marcaba 90-88 no derradeiro minuto de xogo.

telebasura: Dígase telenoxo, telelixo: A *telebasura / o telenoxo a debate no programa desta noite.

tesiña: Substitúase por memoria de licenciatura ou tese de licenciatura: A *tesiña / a memoria de licenciatura lida onte achegou novos datos sobre a formación das células.

termita: Empréguese térmite: As termitas / térmites son as protagonistas deste filme.

tertuliano: Empréguese tamén parolador, conversador, participante dun faladoiro: Hoxe todos queren ser tertulianos / paroladores nalgún programa radiofónico.

tildar: Dígase acusar, cualificar, definir, tachar: O ministro francés *tildou /cualificou o seu adversario político de pouco tolerante.

tragaperras: Empréguese comecartos: As máquinas *tragaperras / comecartos son capaces de arruinar unha familia.

trasvase: Substitúase por transvasamento, trasfega: O *trasvase / transvasamento da auga realizarase axiña pese ás protestas populares.

tuerca: Dígase rosca, porca: Déronlle dúas voltas máis de *tuerca / rosca ó asunto.

ultraxe: Empréguese aldraxe: A *ultraxe / aldraxe a un iraquí como Sadam pode resultar moi cara.

ventanilla (única): Substitúase por portelo único: A *ventanilla única / o portelo único funciona relativamente ben.

volcarse: Empréguese centrarse, dedicarse, entregarse, preocuparse, pensar en: O toureiro comentou que agora se vai *volcar / centrar na súa familia e que non pensa en volver tourear.

xaez: Empréguese calibre, clase, caste, ralea: Acontecementos deste *xaez / calibre vense moi poucas veces

zahorí: Dígase adiviño, sorteiro, meigo, vidente; agudo, vivo, espilido: O único personaxe que se salva desta película é o *zahorí / sorteiro, os demais bastante frouxos.

zanxar: Substitúase por resolver, dar por resolta, concluír, acabar: Fischler e mailo presidente iraquí *zanxaron / resolveron a cuestión tras varias horas de discusión.


O Correo Galego

No hay comentarios: