10 noviembre 2016

O sacamoas

                                                               O sacamoas


L´Arpeggiata: Bertali. Ciaccona con Verónika Skuplik al violín.


No medio da noite Jean Des Essientes, alancaba doente polo seu cuarto, por culpa dunha abominable dor de moas, coa cara atada cun pano e batendo contra os mobles coma un tolo.
Tremendo da queixada, acordou entón correr onda calquera sacamoas que atopase. Un deses con puño de ferro que con celeridade sen igual, saben estirpar os raigotes máis tenaces. Estos adoitan abrir ao mencer e non é preciso esperar.

Por fin deron as sete. Saíu ás présas da casa, e acordándose do nome dun ferragacheiro que se facía chamar dentista popular, botou a correr polas rúas mordendo o pano e contendo as bágoas.
Non tardou moito en chegar diante da casa. Suspirou, suorento. Acometeuno unha horrible angustia e sentiu un calafrio por todo o corpo. Pronto notou unha sensación de alivio; a dor parou e a moa acalou.

Ficou na beirarrúa, pasmado. até que por fin, impoñéndose á angustia, ascendeu por unha escura escaleira, saltando chanzos de catro en catro até o terceiro andar.  Alí, tirou da campaíña,  pero deseguida, aterrado polos enormes cuspiñazos encarnados que descubriu pegados nos banzos, deu media volta, decidido a seguir sufrindo das moas toda a vida. Nese intre, un berro arrepiante que atravesou as paredes e resoou por todo o relanzo da escaleira, fincouno no chan, espantado, ao mesmo tempo que se abria a porta e unha vella o mandaba pasar.
A vergonza que sentiu acabou co medo, asi que se deixou guiar até un comedor. Abriuse de socato outra porta e por ela apareceu un terrible granadeiro, vestido cunha levita e cuns pantalóns negros que parecían de madeira. Jean Des Essientes acompañouno ao cuarto contiguo.

Desde ese momento, as súas sensacións volvíanse confusas. Lembraba vagamente que se deixara caer nunha butaca diante dunha fiestra, e que balbucira, poñendo un dedo sobre a moa: "Xa está empastada. Coido que non se pode facer nada con ela".
O home interrompeu de inmediato as súas explicacións, introduciu o seu enorme furabolos na boca e, fungando baixo os mostachos abrillantados e reviritados, colleu da mesa un instrumento.

Daquela  comezou a escena principal. Aferrado aos brazos da butaca, Jean Des Essientes sentiu primeiro frío na fazula, despois os seu ollos viron unha chea de estrelas e sufrindo unha dor inaudita, deu  en patexar e oulear coma unha besta á que asasinasen.
Sentiuse un estalo; a moa rompera ao quitala. Daquela pareceulle que lle estaban a arrincar a cabeza e que lle fendían o cranio. Perdeu a razón e comezou a urrrar con todas as súas forzas, defendéndose con furia daquel home que se abalanzaba de novo sobre el coma se quixese meterlle o brazo pola gorxa abaixo. O sacamoas recuou un paso e, levantando o corpo apegado á queixada , deixouno caer de novo brutalmente na cadeira, mentres que el, de pé, tapando a fiestra, abarquiñaba e brandía na punta dos alicates unha moa azul da que pingaba o sangue.

Aniquilado, Jean Des Essientes trousou sangue até encher unha almofía e rexeitou cun aceno o ofrecemento da vella, que entrou co rigoto da moa e xa se aprestaba a envolvelo nun papel de xornal.

Saíra de alí a escape, despois de pagar dou francos, lanzando á súa vez cuspiñazos encarnados sobre os banzos da escaleira. Por fin atopouse na rúa, ditoso, coma dez anos máis novo, e interesado por calquera ínfima cousa.

J.K. Huysmans en "A contrafío". Editorial Hugin e Munin

No hay comentarios: