14 febrero 2008

Só cho direi unha vez: Nos Ancares arremánganse a prol do galego


Faquis con unha palloza e Rao


Só cho direi unha vez: Nos Ancares arremánganse a prol do galego.

Os paisanos e paisanas (que derivan de Pais) dos Ancares, sempre falaran un galego que lle zumba, de moito sandiós, primoroso, requintado, pois tiñan lingua de seu, e empregábana decote. O mesmo acontecera no Courel ou na Manzaneda.

A aterraxe nos anos 70 de todos os medios de comunicación (xornais, radio e TV) e máis todo o ensino en castelán, foi unha desfeita para nós. A fase final dun proceso de colonización interior. Tanto castelán serviunos tamén para ter de emigrar nun 90 % da poboación, coa conseguinte perda de valor das Facendas propias. Foi unha creba económica . O Concello de Navia minguou de 9.000 persoas a unhas 1.500 agora. A perda de identidade do Pais foi tamén inherente.
Só cho direi unha vez (+): Iso non é integrismo uniformizador. Ca!, Non ho!. Malpocados!

Hoxe as xentes dos Ancares entenden ben, que lingua e economía van xuntas e xunguidas, e como bárdegas que son, arremánganse a prol do galego. Na angueira de recuperar a súa fala derramada, non terán galbana nin nugalla, e remangadas queren todas as linguas, mais, a nosa a primeira, sen máis trécolas nin requilorios. De pequenos xa a queriamos e o noso corazón non se compra por cartos.

1) Nós temos: Almorzo, PARVA, Xantar, Merenda e Cea.
2) Aterrar-aterraxe. Amarar-amaraxe. Aluar-aluaxe. (pousar na terra,mar,lúa).
3) Algures, Ningures, Xalundes (algún, ningún, outro, sitio).
4) Calquera e quenquera sempre, no masculino e no feminino (nin calquer nin calqueira).
5) Ninguén, Alguén ( naide: non).
6) Onda (proximidade). Onde (lugar).
7) Quen, é singular e plural. Quen son esas rapazas?.
8) Agás, bardante, tirante indican excepto.
9) Hei andar é preferíbel a andarei.
10) O verbo IR+infinitivo non leva a preposición a. Vai tocar Milladoiro. Vai chover. Vou falar.
11) O tempo no sentido atmosférico é co verbo ir, VAI frío, vai calor, vai vento (non é fai frío).
12) O tempo no sentido cronolóxico é co verbo haber. Xa HAI once séculos que se fala galego. HAI dous días que o vin.(non é fai dous días que o vin).
13) Os adxectivos posesivos esixen artigo determinado antes. O meu escavón. A nosa lingua. A súa aixada.
14) Como, vén a ser `de maneira que´, ´do modo que´,´sendo´, ´posto que´. Fai como caviles.// Coma, expresa igualdade entre dous elementos. Son tan vermello coma ti. A roxa vale tanto coma a loura.
15) Galego: Longo (castelán:largo). Galego: Largo (castelán: ancho).
16) Non son verbos reflexivos no galego: casar, descasar, calzar, almorzar, adormecer, baixar, enfermar, afogar, comer, esnogar, xogar, inchar, aforrar, cansar. A María da Cope casou co Pepe do Opus. Caeu no río Navia e non afogou. Calzade axiña que levo présa.
17) Nós, non temos o “j”(iota) no noso alfabeto, nada mais o baile da xota. Somos galegos ha ha ha he he he hi hi hi.

Só cho direi unha vez (máis): Non vas falar galego despois de morto, se non o falaches de vivo.

1 comentario:

reineta dijo...

non está mal que nos refresques a memoria, pero a min paréceme que o "galego verdá" se fala en máis sitios ca nos ancares ou manzaneda.
hoxe en día eu doulle as gracias a calquera que fale en galego aínda que non coloque igual de ben o pronome que os dalá. perdemos falantes pero tamén ganamos algún.
non me parece que estea todo perdido. paréceme peor que se fale español ca galego con castelanismos, inda que supoño que a ti tamén. todo se andará!
interesante bló, saudiños ^^