12 marzo 2008

A burra, o galo e mais o Ministro centralisto.





O galo de Pacita.









Dende aquela non durmo. Cando tento botar unha soneca ou conciliar o sono, os orneos da burra Lola na hortoa, acórdanme e sácanme de couzón. Trato de seguir a musicalidade dos seus rinchos, mais tanto sube de ton que a gorxa espúrreseme, pero a lei da gravidade torna a baixala axiña. Non podo. Logo din que orneadas de burro non chegan ao ceo.Vaiche boa!

Nestas que estou en vela, e chámame miña nai Pacita. Ten cinco pitas pegaradas e un galo raxado, que polas mañas canta no poleiro con requinte, dende as cinco até o abrente, e ben o ouzo agora tamén.
Durmías, non si? dime ela.
Ca! Malpocado de min!, estou a beber unha cunca de xarope de seixebra despois de moito sopetear.
Pois é o caso que, dixéronme que D. Pedro Solbes quería poñerme un imposto, porque di que o cacarexar do galo, afórrame de mercar un reloxo espertador, e que así a Facenda Pública deixa de cobrar o I.V.E correspondente, e sae prexudicada.
Que me coman os demoños! Pobre nai. Ese galo sempre foi republicano.

Se fora un fillo como é mester, tería a afouteza de Salagarta e argallaría unha manifestación contra o Ministro, cuns pareados ben berrados e mellor rimados, como fixo ela no Ensino:
“Escolta, e-Maragall,
Ves-te´n a Portugall”.
Se fora un Balonga como cómpre, tería de cantarlle as corenta ao Ministro centralisto, aínda que os seus homes me retrucasen con vinte en bastos,  chamaríalle de cantas hai, poñeríao a pingar, e quizabes outro galo cantaría.

Mais non tiven folgos, non tiven azos, non tiven valor, non tiven carraxe, non tiven sono, non tiven nada.
Dinme á bebida.

No hay comentarios: