27 diciembre 2008

Díxoo Feixoo. Díjolo Rajoy. Diptongo soy, pa presidente voy.


Canción a guitarra española. Torero


Díxoo Alberto Núñez Feixoo: “Se chego a Presidente da Xunta o primeiro que farei, será anular a Lei de Normalización Lingüística do Galego.
Díjolo Mariano Rajoy: “No hablo gallego y no tengo porque hablarlo”.

Antes de mais, Deus volo pague!. Estas aseveracións, nin nos encabuxan, nin nos alegran. Nin nos emperrenchan, nin nos aledan. Din o que farán, e nós tamén. Imos a porfía!.

Nos Ancares, sabemos ben o que fixeron por nós, toda a requitropa Centralista. Nós a emigrar e Madrid a medrar. O que non sabemos é se quizabes hai eili pozos de petróleo ou seica,minas de diamantes. Facenda recadadora de cartos, coido que si que hai.
Cimas, pandos e valigatos; aldeas, vilas e polavilas, fixéronos ceibes e afoutados na defensa da nosa lingua, que xa é, case o único de valor que nos queda. Cravuñados polo sol, ben deitamos da nosa carraxe animosa, pra darlle un xeito galego a nosa bisbarra e ao noso País, diante de tanto colonialismo esterno e interno.

Alén diso, dúas (feminino que non ten o castelán) razóns, temos pra esperanza.

Unha. Sendo Feixoo un hiato grave apadriñado, e Rajoy un ditongo como hoy, rey, soy, de Alcoy... dubidamos de que un apelido ditongo poda presidir un Goberno. Isto que semella unha chanza, é unha chanza. Porén,tentade atopar entre os Estados e mailas Comunidades Autónomas, algún presidente ou ex-presidente ditongando. Ca!

Dúas. Ao longo da historia, a cidadanía de España, en todos os períodos democráticos, nunca escolleu para presidente do Goberno, a ninguén das tres Nacións Históricas. Todos somos españois, mais a hora da verdade, uns sono máis ca outros.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Obrigado por Blog intiresny