09 febrero 2016

O tátara tataravó Balonga

Luar Na Lubre e Diana Navarro



Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el Mariscal Ney, había de recordar aquella tarde remota en que al frente de su Ejército pasó por la Sierra de Morela enfrente de Prebello. Prebello era unha aldea con oito Quintas: Vigueso,  Río, Tesón, Ermita, Mourín, Ferreiro, Ramandíaz e Balonga.

 O  tátara tataravó Xosé  Balonga Calangros  acordou cedo aquela mañá. Ao riscar o día xa tiña o gando despachado. Pechou a corte co tarabelo, colleu o faco e marchou co agrade, pola quella abaixo,  a estorroar a seara, que xa labrara e achandara antonte.
Parveou do melloriño, filloas e chulas con mel, e tornou a súa Quinta para deixar os apeiros no alpendre.

- Xa me daba o corpo que tornarías axiña! Que hora é?
- Non é hora ningunha!
.
Colleu unha ferrada de auga da sella, e bebeu uns grolos. Enxaugou as mans e lavou cara e pés con xabón. Limpo, nada dexoso, puxo a pucha, os carpíns e as galochas  e saíu para o rueiro. Engorde, botou  andar cara ao Canto da Arqueira, coa cabicha na boca . Polo camiño arriba, cruzaba a outra beira, cando  alguén se achegaba en fronte. No Penedelo, mirou en fite como algún chaíñas esgazara a sobreira, e iso aínda lle turrou máis polo xenio. Recoiro! Rosmou.
 O vento movía cadenciosamente a ferraña do centeo, nas leiras estivadas da senra.

O Mariscal Ney  coñecido como “o valente entre os valentes”, era o favorito de Napoleón. Curtido en moitas batallas na Rusia e nas seis Coalicións, chegou a España co VI Corpo do Exército. Perdeu fronte a Morillo a batalla do Río Verdugo en Pontevedra, e dende Santiago foi para Lugo, onde con 4.000 soldados, pasou por Navia de Suarna e a Serra de Morela cara a Ibias en Maio de 1809. Levaron tamén o Botafumeiro da Catedral de Santiago, feito en prata no ano 1.400 por unha ofrenda de Luis XI, e co que acabaron facendo moedas da República Francesa.

Xosé  Balonga Calangros, chegou ao Canto da Arqueira. Alí o vento zoa e urra.
En fronte, no alto da Serra de Morela viu un enxame de soldados coa bandeira francesa.

-Botou un aturuxo. Gabachos! Rien de fraternité!

Ney ficou inmóbil, sen sangue, chantado no chan. A soldadesca muda.

-E aínda asegundou: O Botafumeiro é noso!

O Mariscal picou con forza as esporas contra o flanco do cabalo, que rinchou, pegou un brinco e saíu a lume de carozo pola Serra adiante: Faquis, Laxo, Rao Pelliceira, Ibias, e nunca máis tornou.

Dende aquela, da nosa sona moito se fala e pouco se cala.

Aló do alén, Balonga se alonga.

- De non seres ti quen o di,  eu non o crería.
- Pois iso. Ai non!


Gabriel García Marquez e mais balonga


No hay comentarios: