13 febrero 2006

EXAME DE GALEGO

 
Banda deseñada de Xaquín Marín
 


Milladoiro. Iacobus Magnus


A Fundación "Tía Rudesinda" fiel no seu cometido e puntual nas súas obrigas, efectúa o exame da conciencia do galego. Apaguen os malditos telefones! e garden silencio!. Alén diso, se os vexo copiar e non lembran o plaxiado, terano de copiar dez veces máis.
PREGUNTAS:
1. Se na China, se fala o chinés, na Galiza o: a) galego. b)spanglish. c)pro que hai que dicir. d) iso non se explicou nas aulas, e) ese dia latei a aula ou fixen a godalla.
2. Nos foros da Galiza, nos xornais, na radio, nas teles, etc. cada quen escribe na lingua que lle peta. Porén, consideras que deberíalle petar escribir: a) máis galego ca castelán. b) menos castelán ca galego. c) galego a esgalla. d)o que diga o meu compañeiro.
3.Nunha xuntanza de traballo, de Concelleiros e Conselleiros en cirolas, como farías a distinción: a) os Conselleiros son menos. b) as cirolas dos Concelleiros son de rebaixas. c) se a metade foran tamén Concelleiras, era máis doado xebralos. d)non sei, son todos tan lanzales!.
4.Muiñeira, muiñeira/muiñeira ribeirana/vale máis un da ribeira/ ca vinteseis da montaña. Cantas carballesas cómpre bailar pra manter a equivalencia cunha muiñeira. (Resultado con dous decimais, pódese usar calculadora e máis o comodín da chamada a Carlos Sobera).
5.O pretérito perfecto do verbo ser, é: fun, fuches, foi, fomos, fostes, foron. Cal é o pretérito perfecto do verbo ir?
6. Na seguinte lista hai UN Castelanismo, atópao e rexéitao: padioleiro, colidir, contiñeiro, guiador, sona, chafariz, telenoxo, telelixo, parolador dun faladoiro, comecartos, portelo único,
PASACALLES.
7.Os nosos xiros: 1.Outra vaca no millo. 2.Facer as beiras. 3.Manda carallo!Manda truco! 4.Toca-lo zoco. 5.Dar a roncha. 6.Nin arre nin xo. Lígaos coa letra que lle corresponda: a)Marcharse. b) Gabar a alguén. c)Dar a tabarra. d)Nin fai nin desfai. e)O que nos faltaba. f)Vaites.vaites!.
8.Ordena as seguintes palabras, segundo vaias empregalas nos vindeiros 31 días: Lideiras, señardade, aluguer, perrencha, pinguela, antuca, bisbarra, requintado, xalundes, acenar, fitar, ficar, teimar, aquelar, cabicha, quenda, enveleco, estreloxo, manguelo, delouzar, dexobar, losqueada, mantelo, cotroso, taragoxo, vougo, guedellas, baldragas, recachar, esnogar, aturuxo, (a metade son dos Ancares, O Courel, Chandrexa de Queixa a piques de se esquecer, que mágoa!, manaias aos nosos devanceiros!).
9.A lingua galega pasou pola esplendorosa época trobadoresca (1200-1350) coas espléndidas cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicer, así como as cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio e outros textos en prosa, chegando ao máximo nivel de perfección, sendo a lingua lírica de todos os reinos cristiáns (agás Cataluña), dan fe diso trobadores como o aragonés Martín Moxa ou Afonso X (1252-1284). A este feito contribuíu o grande poder político que aínda tiña Galiza, pois tiña a mesma identidade política con Portugal.
Malia a ser hoxe, esta lírica, xoia da cultura universal e "Patrimonio da Humanidade", non se lle chamou polo seu nome "Lírica galega" Por que?
10.A lingua galega ten máis de 200.000 voces e 350.000 acepcións, son abondas pra falarmos ou parécenche poucas?.
Se les, escoitas e mercas en galego, semanarios, xornais, libros, Dicionarios, Enciclopedias (Ir Indo, Silverio Cañada), discos, filmes etc. cal destas vantaxes terás: a) Pensarmos en galego. b) útiles pra toda a vida, c) serven pra toda a familia. d) mellorarmos o galego sen decatarnos. e) axudas a Galiza. f) libéraste da FLAXELACION diaria dos medios de comunicación centralistas, e das súas sucursais. g) TODAS xuntas polo mesmo prezo.

11. Optativa, (soamente pra mellorar nota). A túa familia é a mellor, as túas amigas e amigos son os mellores, o teu foro é o mellor, a túa lingua, non é a mellor, por que???

Dispoñen dunha tempada pra facer o exame. As notas superiores a 5 sairán publicadas no Diario Oficial de Galiza. Deixen ceibe a súa alma hexemónica galega, e non esquezan ser felices tamén.
Boandanza.
Rudesinda.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Buen trabajo amigo felicitaciones,
Eduardo de Buenos Aires ..
Argentina
interpress24@yahoo.es