24 febrero 2006

O PARADOXO DE SIMPSON NA GALIZA



Dende Rao seguindo o curso do río, despois de Meda e Asar, atópase unha viña co seu lagar na chaira de Vilar de Neves.

Xosé Antoño de Balonga o fillo mairazo da Ádega, baixara a feira do 29 na Proba de Navia. Atrás quedaran a regueira do Mouro, Os Bragais, a Granda de Prebello, a regueira de Marciado, Muruás, Extramadoiro, Embernallúas e Rio de Pé. Tiña que vender o viño, para poder mercar o sal e o azucre e sobre todo, o bolo de pan branco, polo que devecían as súas crianzas, se quería ver o afán nos seus ollos, no canto da Arqueira, onde irían para velo tornar aló polo lusco fusco.

Das 5 botellas de viño turbio que levara, 4 eran de boas cepas e unha era de videira mala. Das 8 botellas de viño tinto que trouxera, 6 eran boas e dúas riñas.
Na Proba, sabíano todo e calculaban que era mellor mercarlle o viño turbio, pois a probabilidade de que tocase unha botella boa era de 0,80 (=4:5) máis alta, ca na de viño tinto que baixaba a 0,75 (=6:8).

Pacita Lameiro Vilarmondín era unha rapariga xeitosiña,que viñera de Faquis,casar co home que lle fixera as beiras, cando ía mercar galochas ao seu padriño. Non lle gustaba a leria podre, nin se metía en debulladas que lle moían a moucha con dixomedíxomes. Era día de garabullos e lixeira coma unha centella, liscou o riscar o día, polo quello da Calviña abaixo, a lume de carozo, e xa descantiá que estaba na Proba coas súas botellas, sen esnogar, nin dexovarse ren. Manaias a ela!.

Coas présas levara 14 botellas de viño turbio das que 5 eran boas e as outras riñas, polo que a porcentaxe de que che tocara unha boa era de 0,35 (=5:14), mellor tamén ca no viño tinto do que baixara 4 botellas e namais unha era boa, e que era de 0,25 (=1:4).

No solpor do día e co barullo da feira, deciden tornar cedo a Prebello, pra ver a súa fornada de cativos e sen máis trécolas nin requilorios, xuntan as existencias, e ben deitaron do tendeiro Sochaos da Ponte, pra que seguira coa venda delas.

Calquera persoa que non estivera peneque, por andar de gandaina ou vir dunha polavila, sabe que era mellor mercar viño turbio, pois aínda que xuntaran as botellas non mudaba ren, pois non venderan ningunha, e tiña a mellor porcentaxe con ambos os dous.

Xan de Xanón que a todo di que NON, díxoo tamén eiquí: facede as contas, ondia!
Risos e sorrisos, mais, pra darlles na moucha aos teimosos do NON, imos facelas!.
No viño turbio son 5+14=19 botellas no total, e 4+5=9 boas, polo tanto a porcentaxe de boas é 0,47 (=9:19). E no viño tinto son 8+4= 12 botellas entre ambos os dous e 6+1=7 boas, polo que a súa proporción é 0.58 (=7:12).

Nunca tal se vira, en toda a contorna, despois de xuntar as botellas, de súpeto era mellor mercar viño tinto, cunha porcentaxe de 0,58 por enriba do 0,47 do turbio. É o paradoxo de Simpson e non son quen de explicárvolo.

Pois o mesmo está a acontecer na Galiza, cando falas cos homes, son galegos. Cando falas coas mulleres, son galegas. Cando mesturan xuntos os seus votos nas urnas saen maiorías Centralistas. É o paradoxo de Galiza e non son quen de entendelo.

Prebello, antonte do entroido do 2006.

Nótula: Publicado tamén no nº 1.217 d´A Nosa Terra do 30 de marzo do 2006.

http://www.enfermeriaencardiologia.com/congreso/contador.htm
568 palabras.

No hay comentarios: