23 mayo 2006

"ISTO, CON FRANCO NON PASABA"

Ponte do rio Navia


Carlos Alberte fitou pro reloxo da Praza. Nin eran as once, nin o AVE de Lisboa chegara aínda.

Non se sabe ben, se por ser Navia de Suarna dupla baixa, ou porque o desxeo fixera subir o nivel do mar, o certo é, que agora coa Ría, era unha puxante vila comercial.

O peirao era un continuo rebulicio. Ollando a bandeira do transatlántico “España vaivén", Don Mariano Rajoygualda explicáballe a Don José Aznar, que aquela era a bandeira da Mariña, como se el non o soubera xa.

Francisco Alvares Uncasco, despois de votar que non ao divorcio, tentaba casar por sétima vez, facéndolle as beiras a outra dama: “señorita, busco relación con fines serios”.¡No me río nunca!.

María da Cope laiábase aqueixada polo terríbel comechón do pus, quedara soa; os fillos foran polo mundo. Casara co Pepe e o seu home sempre lles dixera que, no caso de que se repartiran ou repartisen comisións legais ou ilegais, que as colleran ou collesen non fora o caso, que se perderan ou perdesen. Así o fixeran ou fixesen e agora coa mesma man lixeira, batían contra o peito, estaban máis preto de Deus ca dela.

Carlos Alberte fitou pro reloxo da Praza. Eran as once, e o AVE de Lisboa non chegara aínda.

San Galochín de Grandela nin era santo nin moraba nela. De pequeno fixéralle a cambadela a un neno e embora Deus non lle perdoara. El tampouco se arrepentira, pois o ar marcial daquel neno, non sei o porqué, non lle gustaba. Argallara unha candidatura pras eleccións e fora escollido pra Concellaría de Bebercio. Para promover a Bisbarra, convidaba sempre a mollar a palabra con viño turbio, no bar P3,1416, e polas tardes no peirao, collido da man con Françoise Hardy entoaban "Allons enfants de la patrie, le jour de gloire est arrivé..." pois a revolta xa non podía esperar moito. Polo abrente nada mais cantaba el: “Ne me quitte pas”, “Ne me quitte pas”.

Pola mañá cando os galos cantan,e os mariñeiros van pro mar, no salón do Concello, Antón Antunes traducíalle, do chinés mandarín ao galego, ao novo alcalde Gomes Ría, pois aqueles, querían facer unha base de submarinos nas Veigas. Fóra, os ecoloxistas de Marcos Saraiva de Carvalho, opoñíanse cun berro seco “do río non se ría, SeñorRía”, e remataban a media mañá cantando Grândola, Vila morena, o povo é quem máis ordena. Tanto subiran de ton no canto, que escapóuselles un galo, e foi con el, como parvearon, mantendo así a tradicional laicidade dos Ancares, sen necesidade de milagre ningún, nin de pans nin de peixes.

O adestrador Raposo do Mantelo, viña coa equipa de Subcampionar no Campionato de Copas de Feiras. Manaias a eles!, non ganaran polo árbitro, e a afección aplaudíaos con afán na Avenida dos Ancares. Era feliz e toda a Proba o era.

Na fonte rozaran xa, xestas e toxos, silvas e uces, carqueixas e piornos. Agora, un cervus, in fonte bibebat et in aquarum especulum effigiam suem vidit. Miña sogra!, xa se chamaba fonte antes que " fuente", e cando eu bebía nela non me decataba diso.


Carlos Alberte fitou pro reloxo da Praza. Foran as once, e o AVE de Lisboa non chegara aínda.

O Balonga, sempre se metera con Don Iribarne, pois dicía que, lle chamaba así, porque unha vez, aló polo ano 75, ouviralle dicir en directo nunha libraría, que el era o 50 % vasco e 50% español, polo que supuxo que coa porcentaxe restante, enredou coa galeguidade. E foi no seu pasamento na Veiga da Espiña, cando baixaron o seu cadaleito a terra , “LA CALLE ES MIA” tronou o León de Vilalba repóndose da súa catalepsia. Recoiro! O Balonga liscou a correr, a máis non dar, coma unha centella por Muñis arriba, que se moi á présa corría máis de présa chegara e até o Pico de Surcio, non parara. Dende aquela uns din que reloucara por Katia Guerreiro e que as súas bágoas encheran de auga o fiorde de Prebello, tornando maior o mar. Outros din que non baixou do Pico de Surcio e que ollando o fiorde sempre ve unha bandeira, co mesmo azul dos teus ollos, o mesmo azul das súas penas, o mesmo azul do teu ceo, o mesmo azul das súas venas. Os maledicentes contan que é todo unha trola, do Bill O Gatón ese, que isto da informática sonche cousas do demo. O certo, é que case nada é certo.

As tollemerendas dos prados, viñeran a menos, e agora ouvíase nas cantinas “ISTO, CON FRANCO NON PASABA”.

Pico de Surcio, terza 23 de maio do 2006.



Nótula: Non ten que ver coa realidade, ainda así ofrezo desculpas por adiantado aos que atoparan algo que non o vexan con humor, pois é mellor amañarse, ho!.

1 comentario:

Val do Rao dijo...

Balonga, non sei coma non te dedicas a escribir contos e os publicas, coido eu que con un pouco mais de esforzo íanche saír unhas historias moi aproveitables para a literatura. Eu sería o primeiro que mercaría os teus libros. Sigue por ese camiño, que cada vez o fais mellor.