03 junio 2006

Eu só, denunciei a Mahoma. Róncalle o nabo!


Pois si, o moi tarambaina e zoinamoina de alcume Miguel Mahoma Mohame Laoreha, chamárame no quinteiro aprendiz de centralista, manda carallo! soamente por lle dicir que o ían capar os da Cope, e iso doeume, proeume, mais non me puiden rañar, e para que escarmentara, denuncieino no xulgado da Fonsagrada, eu só. Róncalle o nabo!

A xuíza coa toga negra ordenou: póngase en pie el acusador.
Eu xa o estaba e quixen sacala do seu embarazoso lance, polo que respondín “é que estou a pasar unha fochanca”.
Hábleme cristiano! Retrucou ela.
Sonlle algo ateo, argumentei sen cagarme en ningundios.
No hay porcentajes en el ateismo. O se es el cien por ciento, o el mil por mil, o no se es.
Pois iso, póñalle mil e virándome para público coas man detrás das orellas, dixen: non ouzo os aplausos!, que nese intre atronaron a sala.
Guarden silencio! O desalojo la sala, la vila y la polavila, mandou a desluada xuiza cunha mirada escintilante e unha dentadura branca sen carie ningunha.
Tíñavos xenio! Eh!

Póngase en pié el acusado.
Miguel Mahoma comezou a erguerse, e déronos a unha, as dúas e as tres, até que un croque con gran estrépito, indicou que chegara ao teito. Comezou a caerlle o sangue, e o xiz do sobrado, e a louza de libros de dura lex sed lex, o balbordo non se podía parar. Namentres uns choraban, outros berraban e os demais rían. Que enredo, que liorta, que bulla, que barullo, que alboroto, que estrondo!. Aquilo foi “a mundial”.
As-salämu aleikum!, ouviuse xa polo solpor.
Hábleme cristiano! tornou a dicir a desluada xuíza.
Wa aleikum as-saläm!,
respondeu Miguel Mahoma Mohame Laoreha.
Ben, perante a imposibilidade de comprender as vosas linguas, a xuiza ordena que vos amañedes e amañedes tamén a estrada da Fonsagrada a Navia, pois de Navia a Rao xa a arranxan os que están a xogar a baralla no Concello, nun outono destes, dixo a secretaria do xulgado, namentres a xuíza, sen perder o xuizo, asinaba a sentenza dun xeito xuizoso.

Acordei do meu sono, no escano da Praza de Navia, co son do seu reloxo, marcando as once en Canarias.
O choromiqueiro axente da policía local, Chorimas do Toxo, fitou pra min e non calou “Sr. Esmoleiro, quere que o leve a súa casa”. Ouza Señor Axente, entre señores con señorío, a miña casa é a lingua debaixo do ceo.

Sexta feira, 2 de xuño do 2006 en Prebello.

No hay comentarios: