16 abril 2007

Os pastores con pucha e mantelo dos Ancares



















.
No rueiro da aldea de Prebello, nos Ancares, paseniño, Manuel de Vigueso andaba ensimesmado, absorto, abstraído.

Ovidio de Mourín soutara primeiro destelos no ribazo dos Calangros ,e despois de varexar co cambo, pico, faldras e baloira, apañara ourizos co fuste até encher a peselos unha ouriceira do souto do Sonaval, a carón do Chavasqueiro e preto de Dentabrú, que a nosa toponimia é ben precisa, malia do esquecemento que dela, fixo a Academia.
Na larega, debullara as castañas de parede de cor clara, duras e doces, cobiza de todos pra cear corolos con leite, que mataban a fame gazuza, xebrando as calocras, baloucas e cagaxos das boas. Unhas veces cocía castañas en salmoira e outras enchía un fardelo delas, e nas quendas coa facenda, acendía un lume con gamallos no monte, camiño de Arandoxo, asando as castañas verdiñas amozcadas coa navalla para que non estouparan, con remol de leña de rebolas e deseguida acubillábaas na terra, pra que amoleceran, xa que así, aínda eran mellores.

Devargariño chegou polo quello ao terreiro, onda el. Boas tardes Manuel!, véxote distraido, alleado, embebido.
Pois si, concentrado, calado, silencioso, dixo Manuel, namentres enchía a petaca de tabaco co cuarteirón, pra lear un pito e tirar a cabicha despois. Daba xenio ver a súa habelencia pra lear os pitos, sen dexovar nin deixar borralla ningunha.

Xosé Antón de Balonga, amodo, sen azougue, puxérase o chaqueto e os carpíns de la, coas galochas. Correspondíalle a veceira de ir coa facenda pra A Naviá, máis baixa ca os arredores e onde nacían tres regatos pequenos, que ían desembocar ao río Navia e mesturados marchaban pra ver o mar. Parveara amorodos e érbedos pola chaira da braña de Barreiro, onde tamén collera pizarros de xiz, pra escribir na ardósia ou lousa da escola dos mestres de tego, e gamuzos pra alumar na bouza da Granda, separada por un vargado da Lastra de Ramandíaz, e sen tirar proveito dos cepos, carrochas,cozos ou torgos da candorza.
Alindara o rabaño polas poulas, searas e uceiras con carpanzas, carqueixas,toxos e xestas sen estremundar ren, e agora choía o gando nos cortellos, xebrando años, cabritos, ovellas, carneiros, castrois e bodes. Repenou herba no palleiro co repenón e botouna no pesebre. Colleu unha mañiza de palla do velairo pra botar estrume aos animais, cuxas falopas de esterco cutiaría coa forquita, nas leiras estivadas da Arqueira, de cando en vez.
Os cochos dexosos, fozaban no curral entre buleiras, os ranchos ou bacoriños gorlaban ao redor da maseira e a pita chocaba unha neada de ovos no neal. Alguén muxía os tetos da vaca Rubia, enchendo a canada de leite, no que a miúdo se entrillaría pan, ou pasado mañá, faría bo o dito de “papas e leite xirón que boas che son”.

Antollóuselle pendurar a corriza nun parafuso e colleu unha ferrada de auga da sella, esbicou primeiro e bebeu uns grolos despois, levando un papado na boca e un cantelo de pan de centeo con touciño entrefebrado na man.
Engorde, sen alancadas, saíu pro quinteiro, onda eles. Antes de máis, boas tardes! Véxovos amoucados, recollidos, pechados.
Pois si, enlevados, ensumidos, con envisamento.
Ai ho! e logo?
No Val do Rao venderon a Veiga do Muiño por 20.000 pesos e unha morea de perroas.
Recoiro!,déixasme pampo, que aínda non rematamos a década dos anos 50.

Meditabundos, pensativos, reflexivos foron polo camiño, a carón da sobreira con cortiza do Penedelo, até chegar ao Canto da Arqueira. Eilí sempre vai vento, que zoa e urra. Ven de contra Peliceira e vai cara a Abrente, seguindo a mesma dirección do Val e do sol, dende o mencer ao riscar o día até o solpor. É o val longo (balonga) coa súa natureza enxebre. Enfronte, a esquerda da Devesa da Escrita de Aigas, pola estrada da serra de Morela, circulaba o camión de PacoXastre levando xatos da Pomarega de Rao pra Proba. Antes subira polo Navalón de Faquis, a aldea de terra negra e xente baril. Daquela todos queríamos ser choferes coma el.

Iris de Grandela era un cisne branco, filla de Navia a Deusa da auga, pasou pola maquía e na Ponte medieval con van de arco oxival, guindouse a auga. Nadando e mergullándose polo río adiante, entre zambullidas, reviravoltas, pinchacarneiras e cabriolas, desfacía os espellos da auga. Nas beiras do Navia, dúas fileiras de bidueiros de branca paraza eran testemuñas con enlevo, do seu percorrido con circunloquios poéticos, coroado polo engado do arco da vella que tinxía de cores o ceo.

Chegou até onde estaban os pastores no Canto da Arqueira e adiantando 50 anos no tempo, nun dos intres máis fulcrais das súas vidas e do teu maxín, contáballes, que aqueles 20.000 pesos da Veiga, había que actualizalos co índice de prezos ao consumo do I.N.E., e que dende o ano 61 medrara o 3.134 %, polo que equivalían a unha cantidade, que non pagaban agora por unha aldea enteira. A perda de valor fora sanguenta. Unha creba económica pra toda a bisbarra.

Cando os Milmandas das burguesías Centralistas decidiran que os pastores serían forza de traballo xalundes, pra atopar a súa saída no eido persoal, implícitamente sabían tamén, que os tentaban desfacer coma pobo e coma Pais.

Co arruallo da súa dignidade, os pastores con pucha e mantelo dos Ancares, nada pediran e menos lles deran. Quedaran a pre.
Manaias a eles!.

Ancares, terza feira 17 de Abril de 2007.

Nótula:Publicado tamén na Agrupación Amigos da Gaita "Toxos e Xestas" co gallo do seu XXX aniversario.
http://www.enfermeriaencardiologia.com/congreso/contador.htm
876 palabras

2 comentarios:

Val dijo...

Cada día escribes mellor balonga, cunha linguaxe mais enxebre pero mais poética. Grazas polos teus contos.

Salagarta dijo...

Gústame tanto como escribes...