16 agosto 2013

Toponimia dos Ancares

 Ponte medieval da Proba de Navia de Suarna nosAncares.






Juanjo Fernández ------ 18/05/2006 23:02 ------ Apuntes toponimia e historia
Pídeme Balonga que traslade aquí unhas reflexións:

Referido á Proba, como sabemos deriva de "Puebla" pero é interesante observar que só é posible tal transformación tras moitos séculos de existencia. As "Cartas Pueblas" eran uns decretos reais de orixe medieval que se outorgaban a determinadas poboacións co fin de potencia-la súa economía. Normalmente levaban aparelladas concesións como o dereito a organizar feiras, exención ou reducción de impostos, etc. A "Proba de Navia" debeu xurdir ó redor da ponte medieval que aínda hoxe se conserva. Trátase da única ponte que debeu haber na rodeada durante séculos, fornecida cunha fortaleza que aseguraba a súa defensa e garantizaba o pago de impostos por atravesala (unha especie de fielato), sobre todo con mercadorías. O feito de ter un espacio central na vila cunha amplitude considerable, impropia dos lugares da rodeada, indica que debeu ser, en efecto, sede de importantes feiras comarcais que atraían a xentes de Galicia, Asturias e León. Tamén o feito de que non se conserven casi edificacións antigas, e que as que aínda se aprecian estean o abeiro da fortaleza, xunto á ponte, indica que durante séculos debeu ser un lugar de habitación exclusiva dunha comunidade pequena ligada tarefas administrativas e comerciais. Chámame a atención que non haxa unha eirexa románica.  A actual é moi nova.

"Navia" é posible que fora o nome dunha deusa pero da a sensación de que o río se chama así por ter un certo treito navegable, no leito baixo.

O realmente interesante é o topónimo "Suarna" que está relacionado coas linguas prelatinas que se falaban no conxunto de España pero, sobre todo, no cuadrante noroeste. Del podemos extraer "Su-" prefixo formado pola preposición latina (tal vez indoeuropea) "so" (baixo, debaixo) "-arn-" partícula de significado impreciso pero relacinada con "terra", "país" (non confundir co artigo prelatino "ar". O galego hereda algún vocablo derivado de "arn" como "arnal", que se aplica a certas especies do país (lagarto arnal, toxo arnal, etc). No resto de España hai un bon número de topónimos que conteñen esta partícula. Resta a derradeira "-a", partícula de xénero.

"Savane" deriva de "San Xoan". Durante época medieval o culto a San Xoan debeu ser moi importante e moitas parroquias lle estaban adicadas. Lembremos que "Xoan" é unha forma moderna, seguramente influída polo castelán "Juan" pero derivacións do nome hebreo nas diferentes linguas europeas pódenos poñer sobre a pista: Iovanis, Johanes, Iván. Outros topónimos relacionados son Seivane (terra cha), Seoane (O Courel), Sevane (Cancelada).

Queizán deriva do nome latino "Caietano" pero é curioso observar que a transformación indica unha fase de influencia de lingua xermánica. Sen dúbida a "t", na fala dos Suevos debía ter unha pronuncia semellante a "ch" ou "tz", como se transcribe en determinadas linguas coma a vasca.

Villargüide é outro topónimo relacionado cos suevos. Non son quen de explicar con exactitude de qué maneira se transforma pero pensemos no nome que actualmente é Guitián. Outros topónimos relacionados coa mesma etimoloxía son Villarguite (Cervantes) e o mesmo Guitiriz.

Barcia xa é unha palabra galega. En latín é "Barcina" e en castelán "Bárcena". Significa Lugar chao ó pe dunha ribeira.

Mera é unha denominación castelá que en galego é Meira. Seguramente a etimoloxía está relacionada coa limpeza das augas que discorren perto.

Vallo deriva do latín "Valis" que significa "val".

Murias penso que deriva do latín "Mourias", en castelán "Morenas" que debe aludir á tonalidade cromática. ¿A qué se refire? xa non é tan doada a explicación, tal vez ás penas que se atopan na zona.

Sobre Faquis e Coro non me atrevo agora dicir nada.

Saúdos
Juanjo Fernández


Marcos ------- 20/05/2006 19:14 -------- Re: Apuntes toponimia e historia


Á parte doutras questons que ficam no ar, como especulaçons legitimas e mui interessantes ainda que nom mui claras, nom entendo que Prova poida vir de Puebla. É umha evoluçom impossível, o que si se deu é o troco, que nom evoluçom, de Prova a Puebla, por infuência do castelhano, ambas vozes procedem do latim "POPULA", sem máis reviravoltas. Algo similar passaría coa forma Xoan ou Xan, que en ningum caso proceden do castelhano, e que passam por um Joäo ou Joam (que melhor exemplo que o do nosso Joam de Cangas, cum som em principio fricativo palatal sonoro na primeira letra que se mantem ainda hoje em Portugal mais em Galiza enxordeceu, de aí que os nom etimoloxicistas o representen como X que nada ten que ver co sonido da J do castelhano, ainda que eu prefiro a forma histórica JOAM. Porém, claro está, pronúncio o J como fricativo palatal xordo ao igual que o fam os que preferen usar a forma Xoán.
Parabéns polo trabalho


///balonga ------- 23/05/2006 00:16 ------- Re: Apuntes toponimia e historia

Que nos din os nosos topónimos? Pois antes de ser nomes propios, foron nomes comunes.

Cando as terras estaban deshabitadas, dábanselle a xente pra que vivise nelas, e escribíase un documento nese intre: unha carta proba ou pobra, (verbo poboar) que recollía os dereitos e as terras concedidos os novos habitantes. De eiqui ven o nome de A Proba.

Abrente é ó mencer, cando sae a primeira luz do sol, o riscalo día. Alba, alborada, aurora, amencer, amañecer, rompente. Por iso éstas aldeas miran o leste. No galego pobo úsase pra poboación, en xeral. Nos temos lugares, aldeas, vilas.

Aigas ven de aguias (aves de rapina, grandes co bico curvado).
Folgueiras de Aigas ven do fento,felgo, fieto ou folgueira que hai por algures.

Laxo, Laxoso ven de laxe que é unha pedra grande e plana.

Un vilar é unha aldea pequena ou unha casa coas súas terras.Algúns xuntaron o nome dos seus antigos propietarios: Vilarantón, Vilarpandín.

O val que hoxe e masculino, deu nome a moitos lugares: Valiño, Valfrío, O Valadouro, Valboa (Val boa), Valouta (Val alta), Valongo (val longo), Valonga (Val longa). Balmonte,Balboa, Balouta, Balonga nalgún tempo escribironse con b.

A silva é bosque, Silvaboa (bosque bo), Silvouta (bosque alto).

Vedra é unha forma antiga de vello e de ai ven Pontevedra, Eiravedra (eira) e Saavedra (sala).


Outras aldeas e nomes,da bisbarra son:

Ventosa, Ventoselo,Ventoseira fan referencia a lugares desprotexidos onde sopra o vento con forza.

Meda, Medela son pequenas alturas de montes de forma cónica (do latín meta).

Cernada,Cernadela, do latín cinsa, refírese a queimas para a roturación do monte, pra colonizálas terras.

Traserra, Trascastro,Traladevesa,Tralacerca informan "detrás ou o outro lado".

Navallos, Navaza que deben provir de nava, unha depresión entre montañas.

Piornedo (edo=abundanza) de piornos.

Reboredo ven do latín robur,robureto (carballo) e cecais despois Robledo.

Son proven do sonido producido polo vento en montañas e zoas desprotexidas.

Balsa é un sitio ou valgada encharcada e despois embarcación.

Barreiro, Barreira, Barroso ven do prerromano barro (lama, fango).

Pando, terreo chan ou encurvado entre montañas, as veces en profundidade(valgadas, valiñas, chairas) ou a sua contraria convexa (montañas encurvadas) como Alto do Pando.

Extremadoiro é un lugar (doiro) extremo.

O Cebreiro ven do cebro, un cabalo salvaxe desaparecido.






No hay comentarios: