20 marzo 2018

AS CATRO ESPAÑAS ECONÓMICAS DO SÉCULO XX




Suspiros de España. Pasión Vega. Música: Antonio Álvarez Alonso



AS CATRO ESPAÑAS ECONÓMICAS DO SÉCULO XX

Dende 1900 distintos ritmos de crecemento e trazos diferenciais permiten distinguir catro Españas económicas.
Durante o primeiro terzo do novecentos, primeira das Españas económicas, prolóngase e afiánzase o ritmo de crecemento conseguido na segunda metade do século XIX.
A renda por habitante en termos reais aumenta entre 1901 e 1935 a un ritmo medio anual do 1,1 %. España, aínda que atrasada non perdeu o paso dos países europeos occidentais, cunha poboación que aumenta con rapidez, até dobrar case as modestas taxas de decenios anteriores e con cambios importantes nas estruturas produtivas e na vida social. Hai tamén unha notábel vitalidade cultural e de investigación (Ramón e Cajal...) con expectativas de mellora individual e colectiva que a República ensanchará, aínda que sen marxe para satisfacelas.

Na segunda España económica, a guerra civil e o franquismo provocan unha interrupción tallante até 1950, en que se recuperan os niveis de produción de preguerra e se albiscará a posibilidade de que España se incorpore de novo á historia europea. A guerra 1936-39 e os anos corenta compoñen a pasaxe máis sombría, con quebrantos importantes en infraestruturas e equipamentos e a penuria da fame con cartillas de racionamento e mercado negro. O illamento e o intervencionismo, levan a España a contraxeito, dos plans de cooperación económica supranacional e liberalización dos países europeos.
O produto real por habitante entre 1935 e 1950 é negativo. A renda española torna aos niveis de comezo de século, con respecto a Francia, Alemaña e Gran Bretaña.

España entre 1950 e 1975, coincidindo co excepcional crecemento das economías desenvolvidas, reduce en vinte puntos a distancia que nos separaba, cun incremento medio anual do 5,5 % da renda por habitante e experimenta á vez o noso maior crecemento demográfico. Esta terceira España económica conclúe en 1975 cando se xuntan dous finais de época, económica e política do franquismo.
A terceira España económica eliminará intervencións e barreiras proteccionistas afirmando o cambio económico e social: diminución da poboación activa agraria, extensión e renovación do tecido industrial e despunte do proceso de terciarización (Turismo, Educación, Sanidade, Lecer...).
O réxime ditatorial trata de pagar a menor peaxe política, mais como for, a economía, a sociedade e a cultura españolas, estarán prestas para a transición á democracia.

A cuarta España económica da democracia, fixo un percorrido sobresaínte até a Gran Recesión da economía mundial no 2008, A renda por habitante dos españois, cun incremento medio entre 1975 e 2008 do 2,6 % reduce en 10 puntos a distancia con alemáns, franceses e ingleses. Ademais afonda a desagrarización, a internacionalización empresarial, a incorporación da muller ao mercado laboral e outras transformacións produtivas. O afianzamento da democracia trouxo consigo un sistema de benestar social ao estilo europeo, con máis da metade dos recursos públicos, competencia das Comunidades Autónomas.
A incorporación de España dende 1986 á Unión Europea alentou o seu crecemento e as fondas transformacións producidas. A europeización era unha aspiración colectiva, e coa Unión Monetaria realizouse no esencial, e serve para apreciar as dimensións económicas da España actual.

José Luis García Delgado. Economía  Española. CIVITAS.

No hay comentarios: