M.FALLA. Danza del molinero
Distribución da renda
1. Introdución
Os ingredientes básicos para a mellora do benestar dun país
son o crecemento da súa renda e unha maior equidade no seu reparto entre
fogares e individuos. A renda persoal é a que determina a capacidade
adquisitiva dos individuos ou familias e provén de diversas fontes (traballo,
negocios, aluguer, vendas de activos, prestacións sociais…).
A distribución
persoal da renda está condicionada por tres estancias. En primeiro lugar a
produción, de onde proceden os ingresos correntes (remuneración dos
asalariados, prestacións por desemprego, pensións e rendas de capital). En
segundo termo, as rendas que emanan da propiedade ou riqueza acumulada. E para
rematar, a redistribución que se realiza sobre todo desde o sector público (impostos,
subvencións e prestacións sociais).
O valor engadido que se xera en mercados competitivos
reflicte a eficiencia con que se usan os factores produtivos e a intensidade da
demanda. O seu reparto entre os propietarios do traballo e do capital é o que
se denomina distribución funcional da
renda.
2. Tendencias da
distribución persoal da renda en España
A desigualdade en este reparto primario da renda
(distribución funcional) inflúe sobre o resultado final (distribución persoal).
Non hai unha relación lineal entre ambas formas de distribución, xa que unha
mesma persoa ou familia pode recibir rendas tanto do traballo como do capital,
e poida que as remuneracións dalgúns membros da familia sexan elevadas, e as
doutros membros nulas ou reducidas.
O crecemento económico en España no período (1973-2008)
beneficiou máis aos fogares con menores niveis de renda, que aos situados con
maiores rendas. Esta mellora da desigualdade xerouse en tres etapas
intermedias:
- Moderada redución da desigualdade dende mediados da década
de 1970, que se intensifica na década seguinte.
- Estabilidade na distribución da renda no período anterior
á crise actual.
- Empeoramento da distribución da renda durante a crise, en
que a desigualdade aumentou case un 10 % nos dous primeiros anos.
3. A distribución das rendas primarias
As remuneracións do traballo nas rendas dos fogares explican
case a metade da desigualdade nas rendas de individuos ou fogares. En España as
desigualdades salariais son maiores que noutros países e as rendas máis inestabeis.
A diferenza entre os extremos da distribución salarial aumentou rápidamente a
partir da crise do 2008, castigando aos traballadores da construción.
A educación dos asalariados (expansión dos estudos
superiores) é un dos factores que inciden nas flutuacións salariais. Outros
factores de desigualdade salarial son o sexo e a nacionalidade dos asalariados
con importantes brechas entre sexos e entre traballadores nativos e
inmigrantes.
Os establecementos empregadores e a regulación do mercado de
traballo son tamén importantes no reparto das rendas salariais. Ambos manteñen
diferenzas relevantes con outros países europeos, pero máis influente é o
diferencial polo tipo de contratación entre temporais e indefinidos.
As rendas que emanan da propiedade ou riqueza acumulada
revelan unha desigualdade moi alta no contexto da Unión Europea. Antes da
crise, a vivenda representaba máis da metade da riqueza dos fogares españois,
pero a súa vulnerabilidade era grande ao estar a metade delas cun alto nivel de
endebedamento.
Outras propiedades distintas á vivenda, o 88 % dos negocios
e o 92 % do valor das accións están en mans dunha quinta parte dos fogares máis
ricos, que tamén posúen case tres cuartas partes dos plans de pensións
privados, fondos de investimento, valores de renda fixa e outros activos
financeiros.
4. A
redistribución de renda
O sector público corrixe a desigualdade procedente dos
mercados a través da dobre vertente dos ingresos e os gastos públicos. Falamos
de
redistribución cando se transfire renda aos fogares (prestacións
sociais) a partir das rendas recadadas a outros (impostos e cotizacións
sociais).
Estas prestacións teñen un notábel impacto redistributivo
nos grupos de renda media e baixa, e supoñen un terzo das rendas dos fogares
españois.
Nos anos oitenta as prestacións sociais reduciron a
desigualdade na distribución da renda dispoñible. Nas dúas décadas seguintes
este efecto foi máis moderado, e menor que nunha boa parte dos países da OCDE.
O segundo compoñente da intervención pública, é a actuación
tributaria, exercida con progresividade e efecto redistributivo, a través do
imposto sobre a renda.
Dende os anos 2000 e seguindo as tendencias da OCDE
reducíronse os tipos marxínais de IRPF, o que limita a súa capacidade
redistributiva, quedando como un instrumento básicamente recadatorio, mentres
que as posibilidades redistributivas concéntranse nos instrumentos de gasto.
O sector público xera tamén, redistribución da renda a
través das prestacións en especie,
que reducen entre unha cuarta e unha quinta parte, a desigualdade en España.
Así o gasto sanitario
beneficia en gran medida aos grupos sociais máis desfavorecidos e de forma
considerábel ás clases medias. Tamén resulta redistributivo o gasto educativo, aínda que en menor
medida que a sanidade polo efecto do financiamento público dos centros
educativos privados e o carácter regresivo do gasto público en educación
superior, ao contrario do que sucede nos niveis de infantil, primaria e
secundaria.
Síntese realizada sobre o traballo de Juan I. Palacio e
Luís Ayala. Civitas Economía Española.
No hay comentarios:
Publicar un comentario