25 diciembre 2011

A dobre negación. Construcións reflexivas

Glaciar Engenbreen (Norvega). Premer o rato dúas veces. 
A DOBRE NEGACIÓN

O galego, a diferenza do que fan outras linguas coma o castelán, rexeita a utilización de indefinidos positivos nas frases negativas. Nestes casos, débense utilizar sempre indefinidos negativos:

Forma incorrecta: *En calquera caso, a Universidade de Vigo non adquire responsabilidade algunha pola súa presenza nos respectivos padroados.
Forma correcta: En calquera caso, a Universidade de Vigo non adquire responsabilidade ningunha pola súa presenza nos respectivos padroados.

Forma incorrecta: *Non hai problema algún.
Forma correcta: Non hai problema ningún.

Forma incorrecta: *Non deron razón algunha.
Forma correcta: Non deron razón ningunha.


CONSTRUCIÓNS REFLEXIVAS

No galego só existen, por regra xeral, construcións reflexivas puras ou directas, nas que o pronome reflexivo realiza a función de complemento directo do verbo. Por conseguinte, en galego non son correctas as construcións reflexivas indirectas, ou sexa, aquelas en que a acción non se exerce sobre a totalidade do suxeito, senón só sobre unha parte e, deste xeito, o reflexivo funciona como complemento indirecto do verbo.

Formas incorrectas: *Laveime as mans.
*Queimácheste un dedo.
Formas correctas: Lavei as mans.
Queimaches un dedo.

Só se poden dar construcións reflexivas indirectas se o reflexivo realiza a función de dativo ou complemento indirecto e hai outro elemento que realiza a función de acusativo, tamén cando o pronome reflexivo pode ser substituído por “para si” ou en construcións de reciprocidade.

Preguntaraste se iso que contan é verdade.
Resérvome o dereito a dicilo.
Dixéronse cousas moi graves un ao outro.

Hai unha serie de verbos que, xeralmente, non se empregan en construcións reflexivas; adormecer, apurar, caer, calar, casar, baixar, enfermar, escapar, espertar, estremecer, morrer, parar, partir, podrecer, quedar, romper, sorrir, subir.

Pola contra, hai verbos que só son reflexivos; atreverse, dignarse, suicidarse, espreguizarse, inmutarse.

Debemos ter especial coidado no uso dos verbos que teñen distinto significado segundo sexan reflexivos ou non.
afogar: causar a morte por sumersión na auga ou, simplemente, por suspensión da respiración.
afogarse: suicidarse colgándose polo pescozo cunha corda.

baixar: ir dun lugar máis alto a outro que está nun nivel inferior.
baixarse: dobrarse con dirección ao chan encollendo o corpo.

calar: gardar silencio, non falar ou descender ao fondo da auga.
calarse: parar un motor debido a unha insuficiente alimentación do carburante.

ir: moverse dun lugar a outro.
irse: abandonar o lugar onde está unha persoa ou cousa.

parar: deter, facer cesar un movemento ou unha acción.
pararse: examinar, traballar con moito detalle.

quedar: permanecer nun lugar.
quedarse: perder o sentido ou morrer de súpeto.

rir: mover os músculos faciais, principalmente a boca, e emitir un son característico que expresa alegría.
 rirse: burlarse de alguén.

Nótula: Collido das Gramáticas.

No hay comentarios: