27 diciembre 2014

Fogóns


                                                                 Arroz tres delicias.


BOCCHERINI. La música nocturna de Madrid.

Logo de xantar, o comensal saía lixeiro do restaurante de Gabriel Sotollán. O comensal non saía lixeiro porque a carta estivese composta de produtos suaves e sans, senón porque o propietario tiña uns prezos altísimos, facendo que a carteira dun se vise con menos metal que ao entrar, repercuntindo nunha maior liviandade. Gabriel adscribiuse de inmediato ao uso de axentes ultraconxelantes no negocio; e mentres moitos adoptaron para iso o nitróxeno líquido, el facía o propio coa factura, a cal te deixaba xeado. Ademais gañou xusta fama de rañas nas racións, seguindo a actual corrente gastronómica: no salmón afumado había máis fume que salmón e incluía so dúas delicias no arroz tres delicias.
Nada que ver, desde logo, coa casa de comidas A Parva Raída, sita nunha ruela adxacente, tan abundante nos seus pratos que na sopa no hai unha mosca, senón un moscardo. Da ubérrima cociña da Parva Raída poderían dar cumprido testemuño a lexión de lapadoiros recalcitrantes, epulóns de toda caste, que ocupan os seus manteis a diario. A dona da Parva Raída inclúe cinco delicias no arroz tres delicias, engade a carabuña ás olivas sen carabuña e substituíu na carta de sobremesas as mediasnoches por nochesenteras.
Gabriel anhelaba no máis profundo do seu ser conseguir algunha estrela Michelín para o seu establecemento. Sabía que para iso debería ofrecer algo especial, e así foi como naceu a súa idea de converter O Sotollán nun restaurante de olores. As porcións que o camareiro servía na mesa non eran para degustar, senón para ulir.
- Cabe maior refinamento? Son un xenio da vangarda gastronómica! - dicía para si e ás veces para os demais.
O caso  é que as estrelas Michelín nin as ulíu, porque o invento de ulida (que non comida) non lle reportou máis que problemas. Algíns clientes, que pagaban unha elevada suma pola sobremesa, poñamos por caso, queixábanse de que os da mesa do lado a ulían de balde e armábanse unhas algaradas de consideración. Os da Guía Michelín non lle concederon ningunha estrela. Logo Sotollán andaba pregoando que o seu restaurante tiñas dúas estrelas, cousa que era rigurosamente certa: unha Estrela era a súa muller, Estrela Maizocal; a outra, a súa filla Estrela Sotollán.
Por este e outros avatares, o estabelecemento de Gabriel foi caendo en desgraza. Un episodio moi comentado tivo como protagonista a un comerciante de peles quen, tras serlle servido de primeiro prato o cogomelo asado sobre leito de antídoto, vociferou:
- Camareiro! Hai un ananiño no meu cogomelo!
Houbo denuncia ante os tribunais e, no seu momento, Gabriel viuse na obrigación de indemnizar ao comerciante de peles. Iso supuxo o fracaso para O Sotollán, que pechou as súas portas.
Tempo despois os térmites devoraron o local. Os térmites no se fartaron, pois sabido é que o restaurador Gabriel Sotollán era cotroso e rañas coas racións.

Carlos López en Raros e curiosos.

   

No hay comentarios: