17 mayo 2019

A orientación do aforro cara aos mercados financeiros


TREIXADURA. Muiñeira do Santo Amaro


A orientación do aforro cara aos mercados financeiros

Logo da ruptura do sistema monetario e financeiro definido en Bretton Woods, tomáronse unha serie de decisións que ían crear un réxime de acumulación de capital diferente, de base crecentemente financeira, cuxos elementos esenciais serían os mercados de capitais para facilitar que estes chegasen a Wall Street procedentes de todo ou mundo. EE.UU. íase a converter aos poucos no principal debedor mundial, sobre todo cando durante a presidencia de Reagan ponse en marcha un programa armamentístico que requiría capitais do conxunto do planeta para poder financialo.

Para poder captar capitais do resto do mundo, Washington propiciou que os países
Occidentais -membros da OCDE- abolisen os controis á libre circulación de capitais. Isto fixo de Wall Street o mercado financeiro máis atractivo do mundo e onde as principais empresas mundiais querían cotizar. Todo iso fomentou a crecente emancipación dos capitais respecto das ataduras que os mantiñan suxeitos aos territorios nacionais.

Para que todo isto fose posíbel era imprescindíbel orientar o aforro individual cara aos mercados financeiros. Isto último conseguiuse a partir da privatización dos sistemas públicos de pensións, a posta en venda de numerosas empresas estatais, a desregulación dos mercados financeiros e a creación dos fondos de pensións e investimento, a través dos cales orientar ese aforro “popular” cara aos mercados de capitais. Os mercados financeiros convértense no elemento central do financiamento da actividade produtiva. Aparte de transformarse en focos de actividade especulativa.

En paralelo, promoveuse unha crecente independencia dos bancos centrais respecto do poder político e impulsouse  que o financiamento dos Estados tamén dependera dos mercados financeiros. Os Estados pasaron a depender destes mercados e da cualificación de risco que ditan as chamadas axencias de rating internacional. Para obter unha cualificación de risco positiva, están obrigados a levar a cabo políticas económicas que favorezan o funcionamento e xuros do capital financeiro transnacional.

Ao mesmo tempo, impulsouse unha aguda redución da carga fiscal aos sectores de rendas máis altas, ás grandes empresas transnacionais e ao capital financeiro. Doutra banda, as reformas que promoven e acompañan o fin da “represión financeira”, e que entronizan o conseguinte predominio do capital financeiro a nivel internacional, permiten unha forte reconfiguración da relación capital-traballo. Dotan ao capital dun crecente poder disciplinario e debilitan substancialmente a capacidade das persoas traballadoras de negociar as condicións laborais. A reforma e desregulación dos mercados de traballo acábase convertendo nun atractivo adicional, de enorme importancia, de face a captar os investimentos foráneas cara aos distintos territorios estatais. A importante redistribución de rendas que acompaña a estes procesos vai alterar a estrutura da produción mundial que se orienta decididamente a satisfacer as verdadeiras demandas solventes, aquelas para as que funciona o mercado mundial e que coinciden coa demanda que expresan as “clases medias” dos países centrais. En definitiva, os cambios fiscais e laborais provocan unha redistribución de rendas que leva unha agudización dos problemas de fame e miseria para unha ampla proporción da poboación do planeta.

As grandes empresas recorren cada vez máis aos mercados financeiros para financiar os seus proxectos de expansión, perdendo importancia o financiamento bancario. A desregulación dos mercados financeiros permítelles captar os capitais que desexan a través da emisión de accións e obrigacións. Estes títulos ou “diñeiro financeiro” créanse sen ningún control dos Estados e utilízanse como moeda de cambio para adquirir outras empresas sen que medie ningún tipo de pago con diñeiro. A achega do aforro colectivo á compra destes títulos realízase, fundamentalmente, por parte dos fondos de pensións e os fondos de investimento, que impoñen a súa propia lóxica no goberno das empresas. Trátase da “ditadura dos prestamistas”, tamén denominada eufemísticamente “goberno corporativo”. Consiste na xestión das empresas baixo o dominio financeiro, ou atendendo ás esixencias deste tipo de capital, que reclaman altas rendibilidades no curto prazo. Este predominio da “economía financeira” sobre a “economía produtiva” acelera a reestruturación ou transformación produtiva e a nova relación capital-traballo




Ramón Fernández Durán. Ed. Virus

No hay comentarios: