17 mayo 2009

Futbol, futebol, fugol.




Los Iberos. Corto y ancho



No ano 1957 seguindo os designios dos Mandatarios do capitalismo, toda a familia Balonga fixemos a primeira emigración dende a aldea de Prebello até a República de Cuatro Vientos, hoxe integrada en Ponferrada.

Había daquela dúas escolas públicas xuntas, nas que impartían as aulas, dous mestres: Don Antolín que viña nunha Guzzi Hispania dende Camponaraya e Don Paco.

Don Antolín era o noso mestre. Explicábanos con clareza a comparanza do capitalismo (o noso) co comunismo (o deles): “se mañá quero xantar fabas ou garavanzos, fágoo” En troca, no comunismo se tocan fabas, fabas, e se tocan garavanzos, garavanzos. Ningunha pregunta.

No recreo, despois de parvear un cazo de leite en po, xogábase ao fugol, cunhas pelotas de goma que traían os rapaciños da súa casa. D. Antolín teimaba en que se tiña de dicir fugol no ben falar. Algúns días xogaban os partidarios do Madrid, contra os partidarios do Barça reforzados con dous ou tres do Athletic de Bilbao, mais na meirande parte das veces facíase unha escolla das dúas escolas, entre o amo da pelota e o que mellor xogaba.
Afastábanse un do outro, uns 6 metros, e coma nos duelos, fitábanse. Despois comezaban a poñer, alternativamente, un zapato diante do outro, achegándose até que o derradeiro zapato non cabía completo e pisaba  ao do contrario, mais cabía perpendicular (monta e cabe). Entón este, principiaba a escoller ao que mellor xogaba do resto, e así por quenda, todos os demais, até xebrar toda rapazada en dúas equipas.
Xa daquela, dominábamos o inglés antes de dicilo DANFeijoo: “fau”,”ofsay”,”penalty””corner” e o regulamento: “penalty de gol é gol”,” tres corners é penalty”, que había nenos que por menos de nada botaban a pelota fora. Home!.

Meu irmán e mais eu, non sabiamos por que rara vez nos escollían, certo é, que para protexernos da lama e da humidade, íamos a escola calzados con madroñas, dixen ben. Así, case todos os días eramos o público, que tamén é mester. Apenas xogabamos cando alguén facía a godalla ou lataba a aula, ou se na metade dalgún partido, o dono da pelota, nos mandaba entrar, un para cada equipa. Iso si, sempre coa recomendación de que non lle deramos moi forte a pelota, que se podía pinchar. Este aviso, minguaba a nosa efectividade de tal xeito, que non conseguiamos dar o mellor de nós.

Mais tiñamos autoestima e iniciativa de noso, e co peso semanal, que nos daban a cada un, os nosos pais, ben progresistas por certo, manaias a eles!, decidimos con afouteza, aforrar. Un ano despois, e por 48 pesos, mercamos un balón de coiro roxo de regulamento. De regulamento, non coma aquelas pelotas de goma.

Na súa estrea, deixamos xogar a todos os que quixeron, sen perrencha ningunha. O Carrete, era un raparigo medrado duns trece anos, fronte aos dez, e nove que tiñamos nós, xa que daquela, a escola acollía un amplo abano de idades, e deulle un punteirolo coa biqueira ao balón de regulamento, que abofé, que nos doeu.

Ti non xogas! dixen eu.

Que eu non xogo! Mira!. Colleu o balón de regulamento, e deulle tal patadoa que o balón roxo de regulamento comezou a ascender, a elevarse, a subir e subir até facerse pequeno coma un punto no ceo. Incríbel, non había gravidade!. Chantados no chan, meu irmán e mais eu, cravados como unha incre, ficamos sen sangue, sen alento, sen balón de regulamento, co que custara!. A terra seguiu virando, recuperou a gravitación, e aquel punto foise agrandando, até que unha tempada despois, coma un resorte, rebotou na campa, o balón de regulamento.

Xogas! dixen eu.

4 comentarios:

Perla dijo...

Parabéns Sr Balonga.

Preciosas ámbalas dúas: foto e narración.

Pedro Páramo dijo...

Sinto envexa sá, non só pola maneira de contalo senon pola sensación que transmite ó facelo.
Espero que non tarde tanto tempo en reaparcer polo seu caderno de bitácora e traernos de novos momentos coma iste.
Un saúdo dende Barreiros.
P.Páramo

Anónimo dijo...

Penso que lle pode interesar que dende o CPI Dr Daniel Monje de Navia realizamos unha exposición de fotos antiguas da bisbarra que se pode ver no colexio e nos bares da vila. Proximamente publicaremosun libro con algunhas das fotos.

Tamén as iremos colgando na nosa web. Aquí deixo unha ligazón a galería de fotos ( por agora hai poucas fotos, temos perto de 1000)

http://tinyurl.com/navianorecordo

Balonga dijo...

Perla e Pedro Páramo, sodes moi amábeis. Obrigado!
Disfrutei moito, xente do Colexio de Navia, vendo as fotos, das que coñezo algunhas persoas. Fágovos a suxestión de que as difundades na páxina Web de Navia.
Sorte na vosa andaina, pois Os Ancares esperan o mellor de todos vós.